viernes, 16 de mayo de 2025

Centro Gallego de Salamanca. Hoxe Galicia.

Vou a considerar como referencia para esta publicación o libro de Carlos Sixirei, Xosé Ramón Campos e Enrique F. Martínez, Asociacionismo Galego no Exterior, Volume II, editado pola Xunta de Galicia. A ficha ou tarxeta do Centro Gallego de Salamanca é do ano 2.000. No apartado evolución histórica dísenos que a principios do ano 1957 un grupo de estudantes universitarios galegos tomaron a iniciativa de impulsar unha asociación galega na cidade do Río Tormes. 

Daquela, importantes autoridades da provincia salmantina eran galegos, entre eles o primeiro presidente do Centro, Luís Miñambres, Delegado Provincial de Traballo. Non esquezamos, ano 1957. Xa choveu. Na altura o Concello facilitoulles o enderezo dos galegos residentes na cidade. 

Entre os obxectivos e finalidades da nova entidade, os culturais, pedagóxicos, lembremos á  chantadina filóloga na USAL Pilar Vázquez Cuesta, nunha cidade de tanta nombradía universitaria, ou dicíamos fins recreativos e benéficos. A entidade tamén dispuña dunha biblioteca que arredor do ano 1.999 integraba un rexistro de 4.000 volumes.

 Outras actividades salientables, As Exposicións Gastronómicas de producto galego, tamén as relacionadas co producto charro, hornazo e outros. O Día das Letras Galegas ou cursos de Lingua Galega forman parte da programación anual da entidade. Con certa discontinuidade engadir a publicación da revista OUTEIRO. 

.O que non aparez na reseña deste Volume II que empregamos coma fonte é  mención á emisión radiofónica algunha. Pois ben neste 2025 que escribo descubro nunha conversa co xornalista, escritor e comunicador vigués Fernando Franco que anda comprometido nunhas tarefas radiofónicas na emisora de radio da USAL ( Universidade de Salamanca), que pon ao dispor do Centro Gallego un espazo, coido que vai pola terceira tempada, non estou totalmente certo, por aí anda, ten periodicidade quincenal en venres alternos. Na locución, ao carón de Fernando, a voz doce, engaioladora da tudense Carmen Baquero, contrapunto da máis rexa de F. Franco. O programa leva por nome HOXE GALICIA. Programa galego e mestizo que irmana as culturas charras, castelás coas galegas. 

Un exemplo a emisión número 16 de febreiro pasado adicada as letras galegas 2025. Pasei neste serán cáseque unha hora de lecer e ledicia. Douvos o contido en resumo desta festa das músicas e da palabra. Un Introito a modo de entrevista dende Baiona con Anxo Rajó sobre os cancioneiros e a música popular. A colaboración de Laura Alonso nunha conversa co grupo musicolóxico etnográfico ENTAVÍA. E de peche, no canto e no recitado, as voces da USAL, Marián Delgado, Antonio Notario e Carlos Hernández - Comendador. 

Mil primaveras máis para a nosa lingua, para HOXE GALICIA e outras tantas para Carmen, Fernando e para todos vos.

 Parabéns! 

XUR O'PONTILLÓN.