martes, 15 de agosto de 2023

Do Cafetín ao Rías Baixas

Foi no Cafetín, na Alameda de Pontevedra, na compaña de Gonzalo Gómez Rodríguez, Xosé Luis Bóveda, fillo máis vello, coido, de Alexandre, quizais algún outro. Non podo precisar con exactitude o ano pero si podo dicir que previo ao acto de lembranza-homenaxe a Alexandre Bóveda quedaramos no Merlo, porque estaba en obras a praza de Curros Enriquez e os actos trascurriran perto da Igrexa de Santa María e o Palacete dos Mendoza, onde está o Patronato de Turismo Rías Baixas. 

Voltamos ao Cafetín da Alameda pontevedresa e poñémonos a falar do centenario do nacimento de Alexandre que íase cumplir para o 2003 e que actividades desenvolver para a ocasión, pois eu atopábame vivindo en Pontevedra por aquelas datas e podería colaborar naqueles limiares. 

Ano 2003, rexístrase a Asociación Sociocultural Alexandre Bóveda Fuerteventura no órgano correspondente do Goberno de Canarias, contando coa colaboración de Uxío Breogán Diéguez-Cequiel pola Fundación Alexandre Bóveda nalgún papeleo, tras un ano e medio de traballos e xuntanzas preparatorias entre galegos e non galegos na Illa, entre estes últimos, a militante socialista Yerai Armas Martel ou o xornalista colombiano Nestor Raúl Osorio, a primeira doume os contactos iniciais no ambiente político e mediático majorero, mesmo levándome a colaborar por breve tempo nun programa da Sociedad Astronómica de Fuerteventura en Radio Archipiélago.

 Estas relacións debidas a boa amiga Yeray foron moi ben aproveitadas por min, acadando un programa radiofónico propio, Troula, que serviría para pular na difusión e implantación da Asociación Alexandre Bóveda Fuerteventura. Dende estas liñas o meu recoñecemento para Ángel Montañez, director de Radio Archipiélago naquela altura. 

Se falamos do Cafetín da Alameda pontevedresa, agora tórnase imprescindible falar do bar restaurante Rías Baixas, ao que me encamiñou o meu irmán Adolfo, Fito para tódolos amigos, verdadeiro cuartel xeral da nosa asociación e movemento, epicentro de case que todos as nosas xuntanzas, actividades e encontros cotiás. O Rías Baixas, na localidade capitalina portuense, oficialmente Puerto del Rosario, para os máis vellos e enxebres majoreros do lugar, Puerto Cabras. Dicíamos o Rías Baixas portuense, tiña diante súa o Parque Fernando Sagaseta, importante avogado laboralista e político comunista canarión, das Palmas, que defendera a traballadores agrícolas da zafra tomatera. No Rías Baixas coñecín a tantas boas xentes e da miña contorna máis achegada como Fernando López, a sua muller Cristina e fillos Patricia e Rodrigo, Ignacio Yáñez, Joaquín Gayoso, Manolo Piña, ex integrante do grupo musical A Roda, nalgunha ocasión Tito, actual dono do Restaurante Brisas do Mar, no barrio do Charco e moitos máis.

 Foi no Rías nunha noite de moita calor, vendimando copiosamente líquidos áureos da nosa terra na deles que Joaquín Gayoso fíxome a proposta de traer un cruceiro de pedra para a Illa. Chegou é inaugurouse o ano xubilar do 2004, primeiro Ano Santo do milenio. Na illa segue e penso que é o único fora de Galicia que leva o nome de Alexandre Bóveda. 

Foi decisiva a colaboración, produción e seguimento do encargo de don Enrique Velasco, director da Escola de Canteiros de Poio, quen mesmo desplazouse a Fuerteventura a participar na inauguración do insigne e moi ben traballado cruceiro , con mimo e moi variados motivos escultóricos a maiores, fundindo o xacobeo e o isleño. 

Estes serían moi escuetamente os alicerces do nacemento no 2003 da ACB FTV, no centenario, transcorridos vinte anos. O tempo pasa por nós ou nós pasamos polo tempo. Bóveda traspasa o tempo coma unha raiola de luz permanente. 

jueves, 10 de agosto de 2023

Amigo Manolo Rodríguez Nandin

Aqueles anos setenta, de principio a fin, sen desperdicio algún, anos nos que se aceleran as mudanzas sociais e políticas, incubadas na preparatoria década dos sesenta. Algo do que vou relatar é memoria persoal entreverada do propio relato saído dos beizos de Manolo Nandin. 

Dous escenarios, Casa Gazpara, na Praza da Princesa, naqueles días que acompañaba no xantar ao seu sogro o señor José en cadeira de rodas, coas pernas amputadas, a Praza da Constitución tan perto, na que os domingos contra as doce da mañá deica ás dúas puña unha mesa con material do PCE ( m-l ), o Vanguardia Obrera e textos desta editorial, mesmo obras de Josif Stalin.

 A poucos metros, nós, PCPG, coa familia do paseado no trinta e seis Ramón Conde e outros camaradas, situabamos tamén mesa co Nuevo Rumbo e publicacións soviéticas e leninistas. . Anos oitenta. Co tempo Nandin tamén pasaría a ser parte do PCPG. 

Outro escenario a Rúa de Santiago, tan segreda e complexa nos seus afectos. Antes de ter eu consciencia Manolo Nandin traballara na Rúa para Toñito, o dos metálicos ou somieres, tamén propietario e rexente do bar Tapitas, un tipo fabuloso. Pois ben, esto contoumo o propio Nandin, pero puido ser verificado por min nunha visita que lle demos a Toñito, mesmo tivemos alí unha xuntanza política a miña volta das Canarias para Vigo.

 Un tercer escenario de encontro, a contorna da Rúa Progreso, onde moraba, e Príncipe e   Casa Puentes. Todos estes lugares son próximos, definen o Vigo Vello e Centro, por medio Porta do Sol e Castelo de San Sebastián, as andanzas máis cotiás e añosas das nosas vidas migradas.

 Coincidía nestes últimos tempos do meu regreso a Vigo moito con Manolo acompañado do can, sempre afable un aquel retranqueiro, apertando a man dura con forza. Tamén en concentracións e manifas. 

Non esquezo a sua afección ao coleccionismo de pegatinas, asistindo a encontros desta natureza. 

Voume quedar coa  sua asistencia a un acto que organizamos as asociacións No Ollo do Furacán e a Asociación de Eslavos en Galicia, con motivo do centenario da Revolución Rusa. Fora Nas Tapas de José, xa prematuramente desaparecido este local, na Rúa Ecuador. Trala palestra e debate ficamos nunha cea de irmandade. 2017. Nesa ocasión Manolo Nandin deixou constancia e pegada do seu bo humor, serenidade, xenerosidade para os amigos e camaradas e optimismo histórico. Manolo Nandin permanecerá nos pliegues das rúas, das loitas e da nosa memoria cada vez que paseemos, loitemos ou recordemos.