martes, 15 de agosto de 2023

Do Cafetín ao Rías Baixas

Foi no Cafetín, na Alameda de Pontevedra, na compaña de Gonzalo Gómez Rodríguez, Xosé Luis Bóveda, fillo máis vello, coido, de Alexandre, quizais algún outro. Non podo precisar con exactitude o ano pero si podo dicir que previo ao acto de lembranza-homenaxe a Alexandre Bóveda quedaramos no Merlo, porque estaba en obras a praza de Curros Enriquez e os actos trascurriran perto da Igrexa de Santa María e o Palacete dos Mendoza, onde está o Patronato de Turismo Rías Baixas. 

Voltamos ao Cafetín da Alameda pontevedresa e poñémonos a falar do centenario do nacimento de Alexandre que íase cumplir para o 2003 e que actividades desenvolver para a ocasión, pois eu atopábame vivindo en Pontevedra por aquelas datas e podería colaborar naqueles limiares. 

Ano 2003, rexístrase a Asociación Sociocultural Alexandre Bóveda Fuerteventura no órgano correspondente do Goberno de Canarias, contando coa colaboración de Uxío Breogán Diéguez-Cequiel pola Fundación Alexandre Bóveda nalgún papeleo, tras un ano e medio de traballos e xuntanzas preparatorias entre galegos e non galegos na Illa, entre estes últimos, a militante socialista Yerai Armas Martel ou o xornalista colombiano Nestor Raúl Osorio, a primeira doume os contactos iniciais no ambiente político e mediático majorero, mesmo levándome a colaborar por breve tempo nun programa da Sociedad Astronómica de Fuerteventura en Radio Archipiélago.

 Estas relacións debidas a boa amiga Yeray foron moi ben aproveitadas por min, acadando un programa radiofónico propio, Troula, que serviría para pular na difusión e implantación da Asociación Alexandre Bóveda Fuerteventura. Dende estas liñas o meu recoñecemento para Ángel Montañez, director de Radio Archipiélago naquela altura. 

Se falamos do Cafetín da Alameda pontevedresa, agora tórnase imprescindible falar do bar restaurante Rías Baixas, ao que me encamiñou o meu irmán Adolfo, Fito para tódolos amigos, verdadeiro cuartel xeral da nosa asociación e movemento, epicentro de case que todos as nosas xuntanzas, actividades e encontros cotiás. O Rías Baixas, na localidade capitalina portuense, oficialmente Puerto del Rosario, para os máis vellos e enxebres majoreros do lugar, Puerto Cabras. Dicíamos o Rías Baixas portuense, tiña diante súa o Parque Fernando Sagaseta, importante avogado laboralista e político comunista canarión, das Palmas, que defendera a traballadores agrícolas da zafra tomatera. No Rías Baixas coñecín a tantas boas xentes e da miña contorna máis achegada como Fernando López, a sua muller Cristina e fillos Patricia e Rodrigo, Ignacio Yáñez, Joaquín Gayoso, Manolo Piña, ex integrante do grupo musical A Roda, nalgunha ocasión Tito, actual dono do Restaurante Brisas do Mar, no barrio do Charco e moitos máis.

 Foi no Rías nunha noite de moita calor, vendimando copiosamente líquidos áureos da nosa terra na deles que Joaquín Gayoso fíxome a proposta de traer un cruceiro de pedra para a Illa. Chegou é inaugurouse o ano xubilar do 2004, primeiro Ano Santo do milenio. Na illa segue e penso que é o único fora de Galicia que leva o nome de Alexandre Bóveda. 

Foi decisiva a colaboración, produción e seguimento do encargo de don Enrique Velasco, director da Escola de Canteiros de Poio, quen mesmo desplazouse a Fuerteventura a participar na inauguración do insigne e moi ben traballado cruceiro , con mimo e moi variados motivos escultóricos a maiores, fundindo o xacobeo e o isleño. 

Estes serían moi escuetamente os alicerces do nacemento no 2003 da ACB FTV, no centenario, transcorridos vinte anos. O tempo pasa por nós ou nós pasamos polo tempo. Bóveda traspasa o tempo coma unha raiola de luz permanente.