Como pano de fondo para o espazo comunista estatal, ou tamén chamado federal, a sua recomposición nunha fronte electoral e a campaña pola saída da OTAN ( con resultados adversos para o NON), onde nos metera o goberno Calvo Sotelo da UCD no 1981 e da que o goberno do PSOE de saída tampouco.
No que atinxe á Galiza e máis puntualmente á circunscrición de Pontevedra e Vigo a candidatura adopta a denominación legal de " Plataforma Galeguista e da Esquerda Unida", encabezada por Castro Ratón ( Partido Galeguista), Xesús Culebras, médico e concelleiro vilagarcián ( Partido Comunista do Povo Galego) e Carlos Barros Guimeráns (Partido Comunista de Galicia). A presentación fixérase no Hotel Ciudad de Vigo con nutrida asistencia de amigos e camaradas, nomeadamente do M.O. ( Movemento Obreiro).
Engadir que outras forzas políticas de menor entidade compuxeran esta coaligazón : Partido Humanista, moi animosos, Partido Carlista e Federación Progresista, de Ramón Tamames, que contaba na cidade viguesa coa simpatía do arquitecto Xosé Bar Boo.
A xornada máis destacada da campaña contara coa presencia de Marcelino Camacho en Vigo: unha visita a factoría Citroën á saída do turno de mañan, que contou co agarimo dos traballadores de calquera tendencia sindical, falándolles como vello traballador metalúrxico da Perkins. Á tardiña mitin de Marcelino no Tamberlick, acto dos que eu teña asistido na miña vida política, seguramente o máis emotivo, ateigado e vibrante. Nembargantes non se obtivo deputado, claro está que o vello loitador da Perkins non se presentaba en circunscrición nengunha galega.
Pasaron as xerais do 86 e a Plataforma pasou tamén coas eleccións, fican por algún tempo na bisbarra de Vigo duas comisións comarcais alcumadas, política e municipal, esta última para enfrontar as munipas do ano seguinte, o 87. Vánselle dando forma a uns denominados consellos de barrio de Esquerda Unida e téntase facelo mesmo a nível de empresa, sen moito suceso, agás transporte e metal.
As duas cuestións de fondo sinaladas máis arriba : a saída da OTAN, perdida, aí nos manteñen ; da unidade e reconstrución comunista nen se fala; da plurinacionalidade do Estado que pretendía a incorporación do Partido Galeguista á Plataforma, se cadra, menos.
Trinta e nove anos transcorridos, 2025 , aínda poucos galegos, mutatis mutandis, parez dubidoso volten confiar en fórmulas electorais parcial e remotamente herdeiras destas que comentamos. Non agoiro nada, mais o espazo socioelectoral do nacionalismo galego ( BNG) neste 2025 está máis fondamente implantado, con alicerces máis firmes que hai corenta anos, sen dúbida, o cual dificulta en maior medida, respecto daqueles tempos da Plataforma Galeguista, calquera recombinación do espazo estatal federal.
XUR O'PONTILLÓN.