jueves, 14 de marzo de 2024

Da liturxia en Galego

Onte estiven na inauguración da exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024) que se mostra na igrexa do Sagrado Corazón na rúa Rosalía de Castro en Vigo. O acto estaba aberto a quen quixera asistir, iniciando cos cánticos duns cativos con acompañamento de guitarra e guiados pola muller que faría de mestra de cerimonias no transcurso da inauguración. 

Entre os intervintes os representantes, por orde de intervención, do vicepresidente da Editorial SEPT, Silvestre, quen tivo un recordo para Francisco Domínguez, presidente de SEPT, quen non poido asistir por motivos de saúde. A continuación falarían Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, Valentín García, secretario xeral de política lingüística e para rematar Luís Quinteiro, bispo da diócese de Tui-Vigo. 

Alén estes datos introdutorios, agora as datas. O Concilio Vaticano II a finais do ano 1963 aproba o uso das chamadas línguas vernáculas na liturxia, ata ese momento o latín era a única língua de celebración. Con Paulo VI danse as primeiras autorizacións que empezan a desenvolverse dende xaneiro de 1965, ficando excluído o galego por causa de carecer de textos litúrxicos na propia fala. A exclusión do galego fai reaxir a variados sectores de opinión do momento  que dirixen as suas demandas  a prol do idioma ó cardeal Quiroga Palacios. 

O 25 de Xullo de 1965, Ano Xacobeo, o crego ( S. J.) Seixas Subirá celebra a misa por Rosalía en San Domingos de Bonaval en galego, primeira en celebrarse na nosa fala con autorización eclesiástica. En 1968 SEPT publica o misal, traducido por Morente, Espiña, Estraviz e Vidán, resultando fundamental para a aprobación da liturxia en galego. 

Eiquí deteño o meu paso, cunha engádega sobre a situación actual, extraída como algúns dos datos anteriormente relatados do breve manual que acompaña a Exposición. Cito: " En 1989 só o 7 por cento das misas dominicais en Galicia se celebraban en galego e só había algunha misa en galego no 14 por cento das parroquias". 

Hoxe, no 2024, coido que coas igrexas meio valeiradas e o clero autóctono avellentado e sen apenas reposición e un ecosistema lingüístico, fora da contorna dixital, desgaleguizado, extensiva e intensivamente no medio urbán,  coido, digo , que a situación presente non sexa mellor que ha 30 anos.