Producido o peche gubernativo do Instituto de Santa Irene en Coia en febreiro do 75 ata o comando do primeiro de Maio no Troncal, ao que eu non asistín, o percurso do meu tempo persoal ao compás do tempo histórico daquel balbordo tumultuario da reforma - transición, aparentemente desordenado, acelérase, e paso coma outros a verme detido nos calabozos da Rúa Taboada Leal.
Fun detido, coa a oposición do meu pai, quen coñecía a algún dos policías por mor do seu traballo na consignataria CONTRASA, na madrugada do día dous de maio e trasladado as mentadas dependencias policiais.
No comando do Troncal falecera un traballador, por disparos dun garda civil fora de servizo, disparos efectuados dende a fiestra da sua casa. O traballador falecido, alleo por completo ao comando, chamábase Manuel Montenegro Simón. Esta luctuosa circunstancia desatou un certo histerismo policial ou caza de bruxas de xentes, nalgúns círculos da cidade, indiciariamente ou supostamente relacionadas cos feitos.
De non ser así probablemente eu non fora detido nesa madrugada.
Un non elixe o destino.
O trato nas seguintes horas foi de maus tratos e ameazas sen máis, co propósito de que asinara unha declaración ficticia, inventada, que eu nin tan siquer podía ler, un cheque en branco, coa promesa da miña posta en liberdade ao longo das seguintes horas da mañá. Eu negueime a asinar nada. As horas pasaban, lentamente, o tempo estiñábase, a lus do calabozo permanentemente acesa, algúns golpes, ameazas e insultos, entradas e saídas constantes na cela na que me atopaba só. Foron unhas catorce horas.
Xa nas primeiras horas da mañá conducción esposado ante a presenza dun home miúdo, de mediana estatura ou máis ben baixo, traxeado, así o recordo, cun bigodiño deses recortados, dándome a turra co recoñecimento duns feitos inasumibles para min. Eu teimaba na miña ausencia no lugar dos feitos.
Este funcionario policial era Jorge Mosquera instalado nun andar superior aos calabozos. A terceira condución, a definitiva.
Eu con dezaseis anos, menor de idade, o meu pai presente. Un inesperado xiro na situación. Nas horas transcurridas da miña detención movéranse pezas no taboleiro. O consignatario José Grobas Loredo, chefe do meu pai, home moi ben relacionado e influinte, que conocíame dende cativo, cando eu ía pola oficina de Montero Ríos ou acompañaba ao meu pai a bordo dos trasatlánticos Begoña, Montserrat, Covadonga ou Guadalupe e que daqueles tempos tivera comigo un comportamento afectuoso, urdira unha saída airosa a aquel impasse. Eu collería un pasaporte, o meu tío avó e padriño Rufo Pérez, á sazón, secretario do meu instituto, que xa deixara de selo, falaría co meu tío Jorge Pérez Rey, fuxido e asilado político en París dende finais dos sesenta. O meu pai encargouse xunto con Rocha e Alfonso de fornecerme divisas, os francos franceses dos que dispuñan en caixa na consignataria e suplementariamente dólares americanos. En troques, o meu compromiso de non axir políticamente ata a miña marcha e non voltar senón após a morte de Franco, O Vello, agarimosamente dicíanlle eles. Felizmente aceptei. Foime entregue o pasaporte, asinado por Waldo López Mazairas. Unha curiosidade, o pasaporte excluía a posible de viaxar aos países socialistas e facíao constar nun selo estampado nunha das suas follas. Había un que me sorprendera polo nome e por descoñecelo, Mongolia Exterior. A miña volta foime retirado o pasaporte e fun citado en duas ocasións, a segunda para comunicarme que todo aquelo para min rematara. Agora, pasen e lean.
Advertencia: os artigos deste volume non están secuenciados de xeito lineal. Poden ser lidos en calquera orde independente, a mesma liberdade que se lle ofrece ao lector queda reservada para o autor e como se barallaras un mazo de cartas e calquera que saíra tiver senso per se aínda que para xogar se poñan en relación.
Algunhas das localizacións dos feitos contados transcorren nas cidades de Vigo, París, Dijon, Barcelona, Zamora, Compostela e posiblemente outras.
Finalmente, este volume non é unha novela se ben podes facerlle a lectura que ti queiras.
Ao lector descoñecido.