Pero temos outro xeito máis noso para a celebración dos defuntos, ises contos de aparecidos, da estadea e soños premonitorios ao carón da lareira, de transmisión oral, ises "contos contados", coma dise no libro de Claudio Rodríguez Fer "A Galicia Misteriosa de Anxel Fole", libro que teño nas mans nistes intres.
Nesta ocasión voume deter nas páxinas 242 e 243 do mentado libro. Apenas unha glosa ou traslación do que nas citadas páxinas aparez publicado.
Velaí. Fálase do Urco, extraído, a súa vez, do libro de Fole "Terra Brava". En nota a pé de páxina do libro de Rodríguez Fer, dise do Urco que pertence a unha fenomenoloxía mítica, de natureza proteica, combinación de variadas morfoloxías animais. Entre outros Murguía, Carré Aldao ou Risco falaron do Urco. En verbas de Vicente Risco e situando a lenda na cidade de Pontevedra coma escenario destacado se ben non exclusivo: "O Urco vai polas noites escuras de tempestade, anda a rastras polos gorgullós e congostras, polas canellas e anuncia desgraza ou morte".
Outra figura mítica e lendaria é unha sorte de psicopompo, o "Paxaro Laión". Esta ave da fantasía é unha noitarega coma calquera outra que laia tres veces seguidas cando leva a ialma do defuntiño: laió, laió, laió... ( extraído do libro " Contos da Néboa", de Anxel Fole).
Pois ben amigos, laió, laió, laió pras ialmiñas dos nosos defuntiños, logo. Entramentes entretervos cunhas castañas asadas ou cocidas con fiuncho e anises e boa conversa, coma foi o caso onte na compaña da miña amiga e veciña Ara. Eiquí e no alén, Viva Galiza Sempre!