Guillermo amosou sempre uns comportamentos nos que prima o respecto e a consideración dos interlocutores ou ouvintes que reflicte o anceio de acentuar a luz da verdade nos feitos, nas opinións, nas novas, nas estatísticas. Guillermo defende, mesmo con afouteza, o dereito da verdade, o interés polo débil, polos negados nos seus dereitos. Diante do risco da parcialidade opta sempre pola parte menos favorecida, desplegando argumentario e divisas de solidariedade.
De onde lle ven a Guillermo esta vocación ou chamada? Da contorna familiar, do seu carácter reflexivo, das suas opcións persoáis e grupáis. Dende a sua adolescencia fixo a opción pola XOC ( Xuventude Obreira Cristiá), fundada polo sacerdote belga Joseph Cardijn no ano 1925, fai xustamente un século, quen en primeiro lugar emprestoulle atención ás duras condicións laborais do sector máis vulnerable no mundo do traballo, a adolescencia e a xuventude. Ante o mal trato que se tiña con estes traballadores Cardijn afirmaba que "un xove traballador valía máis que todo o ouro do mundo", co que puña en valor a vida de cada aprendiz e incrementaba a sua autoestima. Cardijn creu firmemente que a Boa Nova de Xesús é relevante para a mocidade, que non só pode sentila fondamente, mesmo transmitila, pertillala, nidiamente, na sua socialización e aculturación. Cardijn asemade ofreceu unha boa ferramenta de traballo ao dispor de todos : a revisión da vida obreira a lus do Evanxeo, atentos a nosa contorna e as persoas que nos arrodean, tentar a unidade entre o que cremos e o que facemos.
Guillermo Fontán foi un dos despedidos do asteleiro da ría de Vigo, ASCON, tras un delongado conflicto de meses, inzado de dignidade da banda reivindicativa dos traballadores. Guillermo formou parte do grupo inicial da cooperativa GANAÍN, na que non se sentía cómodo porque non respostaba acaídamente as suas ideas e formas de enfocar a organización do traballo, quizais máis achegadas aos postulados da autoxestión, lembremos eiquí os textos editados nos anos setenta pola editorial cristiá ZYX.
Finalmente optou por deixar GANAÍN e procurar outra saída que non tardou en atopar e seguíu a loitar e sígueo a facer ata conquerir un mundo mellor. O compromiso de Guillermo fixo que moitos outros de nós, traballadores, descubrísemos o compromiso sindical para conquerir unhas mellores condicións de traballo e vida.
Con estas verbas agarimosas queremos expresar unha necesidade vital de comunidade en relación coa sua persoa e vida entregada a construción do ben común.
Grazas, Guillermo, por todo o que levas aportado coas tuas liñas de conducta a prol da dignidade no eido das relacións traballo /capital e os vencellos de solidariedade interna entre os traballadores.
Grazas a tua familia que te acompañou SEMPRE e mantén o compromiso coas tuas opcións de vida, feito resumo nas portas abertas do voso fogar.
Bieito Santos. S.J. Crego Obreiro, Amigo.