sábado, 6 de diciembre de 2025

A Taberna da Viuda e a Transición

Teño falado e tamén escrito dabondo, mais nunca será suficiente, da Taberna A Viuda. Polos anos vinte abre as suas portas na Travesía da Aurora, ao carón da Porta do Sol, co nome de Casa Toribio, orixinario éste de Sanzoles, provincia de Zamora, segundo me contara, precisamente para unhas memorias, como é no presente caso, Adolfo Lareo Sánchez. Na Viuda entrei por primeira ves sendo neno da man do meu pai, coma na Chata, La Cueva, Elixio, na de Armando, O Carballeda, O Mosquito, O Cotorro e tantos outros. 

Xa nos tempos do instituto a finais do 73 ata comezos do verán do 75 paro de motu proprio. Tempos de ruar polos viños na Rúa Real e aledaños de San Vicente, Chao, as baiucas dos peiraos. Nomes senlleiros, O Porco, Casa Sánchez, A Preciosa, O Rápido, A Guinda, As Chavolas, Gazpara, A Mina, Bar Novo e un sin fin deles. 

Pero A Taberna A Viuda fixémola nosa. 

Nos días que empezabamos a trasegar na Viuda foron os mesmos nos que nos aventurabamos no Laurel, no que traballou Xosé Humberto Baena, ou no Cervexería Joaquín nas Avenidas ou no Eusko na Gamboa. Viño e cervexa eran as bebidas máis consumidas. Eu sempre preferin os tintos e a cervexa preta de barril, acompañada de olivas aliñadas tamén pretas. Neses espazos xeneraronse complicidades e teceronse alianzas de clandestinidade contra a ditadura franquista, había alentos de loita, albiscábanse os trazos da Transición. 

Polas cuadrículas e enlousados do bairro vello e mariñeiro chantábase a bandeira da Resistencia. Advertencia : non todos os que din que eran estaban nen vendimar per se era militar. 

Pasamos un paréntese de finais do 75 ao comezo do segundo cuadrimestre do 76, baixo os efectos do shock dos asasinados de Vitoria " Vitoria, hermanos, no os olvidamos". Saltos na Porta do Sol, coa gristapo mallando, entradas e saídas rápidas da Viuda á Porta do Sol e da Porta do Sol, cunha rima de paus, á Viuda:

" Na Porta, na Porta, na Porta do Sol, estaban os grises sembrando o terror", cantábase co son da música dunha cantiga de María Ostiz, Na Beira do Mar. E continuaba, parodiando a Beiriña: 
" Cinco santidos temos e os cinco necesitamos, 
Pero os cinco perdemos cando nos manifestamos" 

Taberna A Viuda foi crisol das numerosas tendencias da oposición popular ao franquismo. Arredor daquela mesa redonda, fraternal e solidaria, non recordo se fora Paco Rodesca quen escribira, coa xerra do Condado, bo guerrilleiro contra a tristura tirana, cantaba A Roda, concitábanse emocións do común dos bairros e parroquias viguesas.

 Convoco na lembranza a Ramón González Costas, o saudoso Moncho de Barreras, a Manolo Vilaboa, Manolo Faro, que dera en traballar tralo seu despedimento no FdV, no xornal que fora de Portela Valladares incautado polo Movimiento, El Pueblo Gallego. Tamén o traballador represaliado de Vulcano, Urbano Medrano e a sua compañeira Teresa, o pintor Xosé Lodeiro, moi frecuentador do local, un día trouxo e amosounos un retrato de Abelardo Collazo, que cedera á ACPGA para unha poxa en favor dos presos políticos. Nas paredes cadros de Sucasas, Tomé, Guillermo Monroy, Lodeiro, Mantecón, Xosé Guillermo e outros, á entrada á dereita un retrato de doña Amparo, A Viuda, de Antonio Palacios. 

Topamos aos irmáns Arturo e Fernando Rosendo, aos Vaamonde, Senén o máis habitual, Carlos Meixide, Gonzalo Álvarez García Papi, Euloxio Baba, Xulio de ASCON e Olga, Mario Granell, a sua muller Oliva e a sua filla Cachi na compaña de Isabel Ferreiro, Fernando Ferrovello, o avogado Julio Platero, Henrique Manuel Arcos Conde, Cucho, o avogado Sanxoas, Paco la Vieja, O Demo e incontables máis. 

Con motivo da política criminal da primeira ministra británica M. Thatcher contra os militantes republicanos irlandeses Bobby Sands e os seus compañeiros do IRA provisional, seguidores do exemplo de James Connoly, e a morte por folga de fame de Sands, alguén trouxera unha bandeira republicana irlandesa e outra galega na hora dos viños vespertinos, saímos para a Porta do Sol onda se atopaban outros compañeiros e o corte de tráfico xerará un atasco fenomenal entre berros saídos das nosas gorxas, de solidariedade Galiza con Irlanda. Así outras veces, por causas xustas, Euskadi, etc. A Viuda ten sido desaloxada a porrazos e mesmo Fito, Adolfo Lareo, citado a declarar na comisaría de Taboada Leal, caso único, penso, nas tabernas do centro de Vigo. 

Chega o 23 de Febreiro de 1981, o golpe de Tejero. Para quen recorde, as paredes da Viuda estaban tapizadas por centos de pegatinas de colectivos, reivindicacións, loitas populares e partidos da esquerda do máis diverso. Na noite do 23 ao 24, durante a ocupación do Congreso dos Deputados unhas mans invisibeis fixeran desaparecer aquel museu da Transición que testemuñaba o valor referencial que tiver A Viuda nesa xeira histórica de pegada indeleble e que xustifica o encabezamento destas liñas. 

De remate o noso recordo afectuoso para Maruxa, Fito e os seus fillos, Fito, Jaime e Miguel. Tamén para Concha de Teis. 

Mágoa a desaparición do vello inmoble de El Pueblo Gallego e do baixo do noso recordo mais a loita continúa. 

miércoles, 3 de diciembre de 2025

A esquerda da esquerda na Galiza da Transición

Dos partidos da Transición na Galiza, polos anos setenta, á esquerda do PCG, o Movemento Comunista de Galicia ( MCG) representa un caso singular é destacable por variados motivos que sucintamente vou  enumerar decontado: 

1.Ainda que pareza anecdótico, pola visibilidade, calidade e imaxinación na confección e exhibición da sua propaganda ( AXITPROP). No caso puntual de Vigo destaca a figura no aparello de propaganda do retornado de Venezuela, o amigo Gonzalo Álvarez- Lago García-Teixeiro, onda segundo él mesmo me contara aprendera algunhas técnicas e recursos na sua militancia no MIR (  Movimento de Izquierda Revolucionaria ). Unhas pancartas colgantes do MC obtiveran moita sona igual que algunhas tipografías e técnicas de impresión. Tamén no muralismo o MC deixou pegada en moitos de nós. O GALICIA EN LOITA foi o órgano central de expresión do MCG.
 2. Os do MC foron pioneiros na formulación e organización do feminismo e dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e dos seus dereitos civís, destacando Carmen  Santos Castroviejo neses movementos. 
3. Igualmente estiveron á vangarda da loita pola despenalización da homosexualidade. No caso da cidade de Vigo (  X. Mañón e outros ) alentaron a primeira manifa na Galiza no ano 1981 que tiver a sua conclusión nun acto festivo e reivindicativo á tardiña no auditorio do Parque de Castrelos. 
4. Axiña asumiron a cuestión nacional galega na sua verquente soberanista integrándose no tempo da chamada transición na plataforma rupturista de hexemonía nacionalista denominada Consello de Forzas Políticas Galegas. O MC foi quizais o partido non expresamente nacionalista que máis cabalmente, non declamatoriamente, ergueu a bandeira da autodeterminación, mesmo en tempo anterior á preautonomía, cando outros na esquerda mostrábanse vacilantes. Cos anos un dirixente seu, Xesús Veiga, sería deputado no Parlamento Galego polo BNG ( Bloque Nacionalista Galego). 
5. No eido sindical os militantes do MC estaban afiliados ao sector crítico das CC OO. No asteleiro Barreras de Vigo cremos recordar un sindicalista desta corrente de certo relevo chamado Antón. 
6. O MC contou cunha organización xuvenil moi activa e bastante nutrida denominada MGR ( Mocidade Galega Revolucionaria). 
7. Tamén noutros movemento, ecoloxía ( A. Masa e outros), nos movementos estudantís universitario e de ensino medio incidiron de xeito notable. Xa lembramos a C. Santos Castroviejo ou Suso Veiga, tamén en medias no caso vigués que coñecemos directamente recordamos a Adolfo Telmo, Lidia ou Javier Lamoso no Instituto de Santa Irene en  Coia ou Pedrosa no instituto do Calvario nos conflictos dos anos 73-74 e 74-75. 
Estes apontamentos teñen obviamente carácter divulgativo e non pretenden aprofundar senón salientar o papel dun partido, que por aquela tiñamos por maoísta, coma unha forza anovadora cunha implantación significativa e dirección estratéxica, tamén cun destaque na formación interna da sua membresía. Un dos seus cadernos de formación recollía un debate entre Ernst Mandel e Paul Swezy.

 Cos anos tería lugar un achegamento coa trotsquista LCR ( LIGA COMUNISTA REVOLUCIONARIA) dando na constitución do colectivo INZAR, integrado no BNG.