1.Ainda que pareza anecdótico, pola visibilidade, calidade e imaxinación na confección e exhibición da sua propaganda ( AXITPROP). No caso puntual de Vigo destaca a figura no aparello de propaganda do retornado de Venezuela, o amigo Gonzalo Álvarez- Lago García-Teixeiro, onda segundo él mesmo me contara aprendera algunhas técnicas e recursos na sua militancia no MIR ( Movimento de Izquierda Revolucionaria ). Unhas pancartas colgantes do MC obtiveran moita sona igual que algunhas tipografías e técnicas de impresión. Tamén no muralismo o MC deixou pegada en moitos de nós. O GALICIA EN LOITA foi o órgano central de expresión do MCG.
2. Os do MC foron pioneiros na formulación e organización do feminismo e dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e dos seus dereitos civís, destacando Carmen Santos Castroviejo neses movementos.
3. Igualmente estiveron á vangarda da loita pola despenalización da homosexualidade. No caso da cidade de Vigo ( X. Mañón e outros ) alentaron a primeira manifa na Galiza no ano 1981 que tiver a sua conclusión nun acto festivo e reivindicativo á tardiña no auditorio do Parque de Castrelos.
4. Axiña asumiron a cuestión nacional galega na sua verquente soberanista integrándose no tempo da chamada transición na plataforma rupturista de hexemonía nacionalista denominada Consello de Forzas Políticas Galegas. O MC foi quizais o partido non expresamente nacionalista que máis cabalmente, non declamatoriamente, ergueu a bandeira da autodeterminación, mesmo en tempo anterior á preautonomía, cando outros na esquerda mostrábanse vacilantes. Cos anos un dirixente seu, Xesús Veiga, sería deputado no Parlamento Galego polo BNG ( Bloque Nacionalista Galego).
5. No eido sindical os militantes do MC estaban afiliados ao sector crítico das CC OO. No asteleiro Barreras de Vigo cremos recordar un sindicalista desta corrente de certo relevo chamado Antón.
6. O MC contou cunha organización xuvenil moi activa e bastante nutrida denominada MGR ( Mocidade Galega Revolucionaria).
7. Tamén noutros movemento, ecoloxía ( A. Masa e outros), nos movementos estudantís universitario e de ensino medio incidiron de xeito notable. Xa lembramos a C. Santos Castroviejo ou Suso Veiga, tamén en medias no caso vigués que coñecemos directamente recordamos a Adolfo Telmo, Lidia ou Javier Lamoso no Instituto de Santa Irene en Coia ou Pedrosa no instituto do Calvario nos conflictos dos anos 73-74 e 74-75.
Estes apontamentos teñen obviamente carácter divulgativo e non pretenden aprofundar senón salientar o papel dun partido, que por aquela tiñamos por maoísta, coma unha forza anovadora cunha implantación significativa e dirección estratéxica, tamén cun destaque na formación interna da sua membresía. Un dos seus cadernos de formación recollía un debate entre Ernst Mandel e Paul Swezy.
Cos anos tería lugar un achegamento coa trotsquista LCR ( LIGA COMUNISTA REVOLUCIONARIA) dando na constitución do colectivo INZAR, integrado no BNG.