lunes, 29 de mayo de 2023

Foz, Celso Emilio Ferreiro e Vigo

Para María Aranzazu Luna Díaz, partícipe da corrección e normativización do presente libro. 

Vou comentar o libro da autoría de Luís Gonçales Blasco, Foz, que leva por título " Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego", publicado por XERAIS en febreiro do presente ano 2023. 

Con carácter previo farei mención á miña relación con Foz, que arranca de principios do mes de setembro de 1975 en París, no fragor das loitas por salva-la vida de dous galegos e vigueses, tamén amigos, Xosé Humberto Baena Alonso e Sánchez - Bravo, militantes do FRAP, dous vascos e García Sanz, finalmente asasinados. E outros máis a quen se lles conmutaría a pena de morte por diversas condeas de prisión .

 Por esas datas eu acudía ao seu piso no número 8, Impasse Truillot, en Ivry sur Seine, municipalidade colindante con París, mesmo pasei alí a noite boa do 75 na compaña da sua familia e doutros galegos. Foz era o principal impulsor do nacionalismo galego organizado en París, con altas responsabilidades, xa contadas por él mesmo nun imponente volume publicado en Laiovento sobre as relacións exteriores da UPG.

No libro que agora nos ocupa desenvólvese unha tese, explícita, de modo incuestionable, no seu propio título, sobre Celso Emilio Ferreiro. Ésta é: o nacionalismo de CEF, acreditado nunha longa vida e na sua biografía que Foz desenrola neste libro, cun rigor documental e bibliográfico ao que xa nos ten afeitos en anteriores traballos publicados, sen desdeñar algunha cita de carácter oral e por suposto a sua propia experiencia no trato persoal co biografado e outros militantes e persoeiros do nacionalismo galego e da política e cultura en xeral, de tal xeito que tece unha urdime entre a crónica e a biografía. 

O libro percorre unha traxectoria, que inicia nas Mocidades Galeguista de Celanova, a carón de Pepe Velo ata os derradeiros días de CEF. Algunhas xeiras destacables da biografía de Celso correspóndense ou están recollidas nos variados capítulos do libro. 

Así, a sua participación na FMG, o paréntese da guerra, os seus anos en Vigo na posguerra. Outros capítulos do libro reseñables: Celso Emilio e a prehistoria e os comezos da UPG a principios dos anos sesenta, a emigración - exilio ao continente americano a partires de 1966, con destino a Venezuela e a sua relación con Cuba, Buenos Aires e México e con intelectuais como Neira Vilas, Luis Seoane, Luis Soto e outros. 

Celso destaca nas actividades editoriais da UPG en Venezuela, aínda que a sua relación coa Hermandad Gallega de Caracas remata abruptamente coa publicación do poemario "Viaxe ao País dos ananos", que o enfronta a Luís Seoane. 

Xa rematada a xeira americana e trala morte do ditador Franco, CEF concorrera ás eleccións de 1977 ao Senado co PSG de Beiras, non obtendo acta. Nas páxinas que abranguen da 161-166 recóllese o breve paso de Celso polo PSOE, pouco despois morrería, en agosto de 1979. 

Para poñer fin a estas breves notas sobre o presente libro dous apuntes engadidos. Primeiro, no número 128 da Rúa Urzaiz de Vigo hai unha placa que recorda a moradía de Celso na nosa cidade. Conta Foz que Celso traballou de procurador nos tribunais e tamén no sector dos seguros, pasando apuros económicos, consecuencia das suas actividades políticas e culturais. Segundo e derradeiro engadido destes comentos, dicir que Mario Regueira encargouse da adaptación da escrita do libro no galego estándar internacional á norma ILGRAG.

 Nunha liña imaxinaria París - Vigo deixo este libro no andel, ofrecido á vosa lectura.