lunes, 10 de febrero de 2025

Blues da Florida

Faime chegar o amigo e camarada Emilio Zunzunegui un exemplar adicado do libro Blues da Florida, da autoría de José G. Barral, editado por Medulia Editorial neste pasado 2024.

 Dicir do autor que é vigues da colleita do 58, coma min e que coma min, estudou no colexio salesiano. Barral foi segredario da Federación de Ensino de Galicia das CCOO. Dende 2008 publica Por catro perras, guía de tascas e tabernas de Vigo, Último peaje, Cruzados polo camiño ou este último Blues da Florida. 

O tempo histórico ( anos sesenta do pasado século vinte ) e os seu espazos ( Falperra, Panificadora, Capitán Carreró, Mercantil, Casino, Club de Campo, Aero Club, máis periférico, Lavandeira) perimetran unha urbe viguesa sob o liderato da enérxica figura do Alcalde Rafael. J. Portanet Suárez. 

O fío conductor da novela son os feitos e fitos que reflicten, dende a miña perspectiva, cunha apariencia policíaca, as liortas entre dous sectores da oligarquía viguesa : Os Portanet e os Valcárcel, arredor da substitución do transporte urbano, cuxa titularidade na altura estaba nas máns dos Valcarcel ao tempo que eran propietarios da Panificadora. Portanet desbotaba contar cos Valcárcel. 

A novela vai progresando con bo pulso narrativo e linguaxe directa, sen artificios, nas intrigas políticas e empresariais daquel tempo cun par de polis polo medio e outros figurantes. Sabemos os que recordamos como rematou, nunha procesión fúnebre tranviaria o día derradeiro do Ano 1968 cara ás cocheiras das Travesas. 

Durante anos, non lonxe, os Tranvías e uns autobuses londinenses de cor vermella, de dous andares, que fixeran vir os de Tranvías e non se lles permitira entrar en servicio, ficaron arrombados expostos á oxidación do tempo, abrigados pola memoria dalgún de nos. Todo acontecera forzado e o asasinato dos Tranvías puxera coma un fundido en negro nas nosas vidas. 

Hai un Vigo dunha orela e doutra do último tranvía e ise intre eterno pide un Blues. XUR O'PONTILLÓN.