Leo no dixital Vigoé un breve texto de Julio Alonso a prol de baptizar ( o Chafarís é unha fonte con varios canos, un piricoto que botaba auga e un estanque, pía baptismal para a ocasión, en resumo pedra e auga, accedendo por uns chanzos tamén de pedra) co nome da poetisa Xela Arias, o Chafarís, esa singular maravilla antre a Rúa de Santiago, cos restos do Castelo de San Sebastián e a Torre da Casa do Concello ás suas costas, por fronte a Oliveira, o antigo Café Tropical, a escultura da Fada, " acera volada" e a nosa Ría: penínsua, máis arquipélago das Cíes e outros illotes menores.
Eu, sen dilación nen premura, criado por frente do Tres Ventanas, a dous pasos do Bar Caracas, suscribo a suxestión de Julio Alonso. Non son eu quen deba acreditar méritos da poetisa Xela Arias para engadir o seu nome ao do Chafarís ou como fora a denominación acordada, se chegara o caso.
Poño a miña sinatura ao dispor desta iniciativa de arrequecer o rueiro vigués con esta achega da visión poética máis contemporánea co mar, moi preto da morada viguesa de Manuel Antonio e dos líricos medievais, cantores do Mar de Vigo, conxurados e conxugados pola Fada.