martes, 23 de diciembre de 2025

De Seixas a Bieito Santos

Como xa temos contado no mes de febreiro do ano de 1975 o Ministerio de Educación y Ciencia, rexentado polo fantoche fascistoide esotérico, afeccionado á Orde Templaria, Cruz Martínez Esteruelas, tiña acordado o peche gubernativo do noso instituto con carácter inicialmente indefinido e  ordenando sancións que deron en algún de nos expedientados. 

O alumnado mantivémonos agrupados e movilizados, mesmo tentando non deixar os estudos, e procurando algúns locais onde impartir clases en apoio mutuo, de xeito que os alumnos máis avantaxados axudaran aos que máis o precisaran.

 Aí topamos con Cáritas Diocesana, pondo ao noso dispor algún local. Coido recordar que ao frente de Cáritas atopábase Juanita Calvo, en expresión do noso profesor de relixión no Instituto, P. Ubeira. O cura Pepe Ubeira falaba galego nas clases, fumaba celtas sen filtro e gastaba pantalóns vaqueiros destinguidos ou gastados. Unha filla desta Juanita Calvo era condicípula nosa e compañeira de clase, cáseque de pupitre, moi bonita loira-pecosa e combativa cun sorriso engaiolante, doce,  por nome Ximena P. Calvo. Asimesmo foran cedidos algúns locais parroquiais, entre eles un da Colexiata e Concatedral de Santa María, no Casco Vello. Dos locais de Cáritas lembro un nas Camelias, onde coincidira, ao marxe destes feitos, coa cantora Pilocha, a do alecrín dourado. 

Naquelas datas acudíamos aos estudos de Radio Popular, cadena COPE, pertencente á Conferencia Episcopal, na Rúa do Príncipe. Alí eramos atendidos con gran deferencia, máxime atendendo a consideración das nosas idades adolescentes, ofrecendo as novas relativas a situación escolar e gubernativa do noso centro ( Santa Irene, trasladado a Coia, actual Alexandre Bóveda). Non esquezo os nomes de Xerardo Rodríguez, Víctor Freixanes, Maria Xosé Porteiro, Xosé María Palmeiro, que solícitos acudían a recibirnos. Coido que atopábase de director o abulense e vigués de vocación , Xerardo González Martín, tamén paréceme recordar a Queca Merino, embarcados todos nalgún momento que non preciso no magazine informativo chamado Jaque a la Actualidad. 

O peche gubernativo do instituto Santa Irene en Coia que se pretendía indefinido pola administración levantouse ás dúas semana, máis ou menos. Nembargantes, descoñecíamos a previsión deste feito un tanto continxente e se foi así, estou certo, deuse como consecuencia de manter a unión e a movilización nas rúas, acudindo nalgunha ocasión ás portas do instituto. 

Mentres transcurrían estas xornadas estreitábase a represión. Así fomos dar co grupo de xesuitas do padre Seixas Subirats, na Residencia dos Apóstolos, Rúa Marqués de Valadares. Exposta a situación de algúns de nós, Seixas procurounos unha cita no despacho do avogado Alfonso Álvarez Gándara na rúa por aqueles días aínda rotulado co no nome do falanxista José Antonio. Pesia sermos menores de idade ficou á espreita do devir dos acontecementos que no meu caso, como xa contara, deu na comisaría de Taboada Leal y despois na miña presenza en París para finais de verán dese ano 75.

Daquel grupo de xesuítas destacaba o cura obreiro Bieito Santos, con que teño a honra de tratar nestes días en que escribo desde hai unha ducia de anos ao meu retorno dun periplo de case tres lustros fora da miña querida cidade natal.

 Bieito Santos inserido de cheo no movemento dos curas obreiros e na HOAC e polo tanto no MO residiu durante anos con outros curas obreiros no bairro das Flores en Teis. O réxime de Franco habilitou unha cadea denominada concordataria, polo concordato entre Franco e o Vaticano, en Zamora. Por alí pasaron curas obreiros e outros membros do clero desafectos ao réxime. Entre outros, o catalá Xirinacs ou os vascos Jon Etxabe, Tasio Erkicia e así unhas cantas ducias deles máis. Tamén lembramos ao cura obreiro vasco Periko Solabarría ou o xesuíta, procesado e condeado no sumario 1001 por pertenza as CCOO, Paco García-Salve. Nese tempo o bispo vasco Añoveros fora invitado a saír de España por unha homilía lida na diócese de Bilbo cun avión en Barajas ao seu dispor, cortesía caudillesca. Os oficios de Paulo Sexto frearon en seco esta operación.

 No caso galego a policía española entrara e rexistrara a casa do bispo de Mondoñedo-Ferrol Monseñor Arauxo. Un sector da Igrexa Galega estaba en pé con dignidade da banda correcta da historia. Xa temos recordado as visitas ás monxas da libraría San Pablo en Marqués de Valadares en Vigo, aí mercara O Cancioneiro de Pero Meogo, de Ferrín ou Historia do Dogma de H. Rondé. Lembramos tamén ás monxas da Praza Roxa de Compostela, que nos acolleron. Hai moito máis. 

Eu quero concluir eiquí coa figura viva do Bieito Santos, epítome de RESISTENCIA nos anos escuros e aínda hoxe, na dupla ladeira da defensa dos dereitos obreiros e a prol dos dereitos lingüísticos dos falantes galegos tamén na liturxia. O Bieito Santos recolle e mantén o facho de Seixas.