martes, 10 de junio de 2025

Abstención Activa

Neste remuiño das votacións, feita a estrea democrática, algunhas forzas políticas toman a opción de acampar nas marxes, nas orelas, mais non, claro está, ficar na casa, tampouco depositar a papeleta na furna. Hai alomenos dous tipos de votacións, as referendarias, resposta a algunha ou algunhas preguntas, e as chamadas votacións competitivas  entre os partidos políticos para determinar o peso numérico relativo cuantificado nunha suma aritmética total para un corpo lexislativo. 

En xeral, pódese en calquera das duas devanditas modalidades exercer o voto en branco e o voto nulo ( por exemplo, confeccionando a própria papeleta ou riscando a que deposites na furna). A diferenza entre votar en branco e nulo resulta de que o voto en branco incide no reparto final da asignación de escanos e os nulos non.

 Cuantitativamente a ABSTENCIÓN NON afecta ao resultado final das votacións pero SI pode ter unha lectura política significativa, por exemplo posta en relación co concepto de lexitimidade artellado co de legalidade. . ABSTENCIÓN ACTIVA parez  termo máis axeitado para a explicación de comportamentos políticos de maior calado. 

Pero que quer dizer ABSTENCIÓN ACTIVA? Quérese diferenciar da chamada abstención técnica e pódese detectar no rexistro duns valores por riba dos índices habituais nos censos electorais. A abstención activa presupón unha consciencia plena e unha intencionalidade política no seu propósito públicamente manifestadas. Coa abstención activa hai un propósito de creba nalgún grao da lexitimidade do proponente e detentador político de turno. 

Vexamos un caso. Nun momento fulcral do proceso da transición ou reforma é convocado un referendo para a ratificación da vixente constitución española. Finais do ano 1978. Dende as forzas políticas galegas se dan tódalas opcións posíbeis : voto afirmativo, os do consenso, voto negativo (  BN-PG e outros), voto en branco, coido que o POGA ( Partido Obreiro Galego) e ABSTENCIÓN ACTIVA, que deu na criazón dos COMITÉS CONTRA A CONSTITUCIÓN alumeados pola inspiración do PGP ( PARTIDO GALEGO DO PROLETARIADO). 

O seu acto central de peche de campaña deuse no Cine Roxi, un domingo pola mañan, no Toural, bairro ( antigo Concello ) de Teis, ía na compaña de Fernando Rosendo Domínguez. Intervintes, antre outros, Pousada Covelo, Antón Alonso Fontán ( Antón de Meder ), e Xosé Luís Méndez Ferrín. A voz límpida de Ramón González Costas ( cda Valentín ou Moncho de Barreras) dixo en canto os versos da Pandeirada da Constitución, cito de memoria :


Non quero constitución que me veña de madrí ( bis), 
Quero unha Galiza Ceive ( bis) e tamén quérote a ti. 

E tamén quérote a ti miña rosiña encarnada (bis), 
Quero mar e quero vento, non a patria asoballada. 

Arriba pandeiro choco, abaixo manta mollada (bis), 
Queremola INDEPENDENCIA e non ista trapallada. 

Por dicir Viva San Roque prenderon ó meu Antón ( bis), 
Aínda segue na cadea (bis), ABAIXO A CONSTITUCIÓN. 

De xeito tan directo e sinxelo percébese nidiamente o que é ABSTENCIÓN ACTIVA. 

Coda : hai un partido político na escea viguesa e galega para moitos innombrable pero que eu nomeo. No referéndum da lei da reforma política de 1976 irrompeu unha campaña de propaganda política que máis ou menos dicía así " Votes Si, Votes No. Es igual, Si votas apoyas al fascismo. Abstención Activa", levaba a sinatura do Partido Comunista de España ( Reconstituído), partido cunha significativa implantación no mundo operario vigués. 

XUR O'PONTILLÓN.