En calquera caso o engadido de total ao vocábulo amnistía non era algo meramente adxectivo, tiña un fondo senso político, non discriminatorio para as diversas e mesmo contrapostas opcións políticas opositoras ao réxime franquista que mediante unha operación de gatopardismo obtería a blindaxe para, mutatis mutandis, a sua perpetuación.
Cumpre aclarar que non tódalas forzas políticas opositoras transgresoras esgotaban o seu discurso e a sua praxe nun repudio das chamadas superestructuras ou das dramaturxias e liturxias, das escenificacións, máis patéticamente feixistas.
Había militancias máis transcendentes que tiñan por proxecto, poño por caso, o independentismo, o anticapitalismo ou que non tansaccionaban co republicanismo.
O caso é que total contrapónse obviamente a parcial e houbo algunhas amnistías parciais, selectivas, que acompañaron o proceso da REFORMA , unha cando a convocatoria do referendo da lei da reforma política a finais de 1976. Outra en vésperas das eleccións do 15 de Xuño de 1977, para procurarlle acubillo ao PCE como transo a sua legalización. E xa de remate, a derradeira xa aprobada a Constitución polo nadal do ano 1978, ao que foi remisa a UCD, engadindo a evasión de calquera responsabilidade para autoridades da etapa franquista por atropelos ou conculcación de dereitos ou delictos de lesa humanidade.
Dizer que esta última amnistía tiña un carácter retroactivo que impedía a sua aplicación a actos de natureza política no tempo transcorrido dende a celebración das devanditas elección de Xuño do 78.
A tradución deste feito foi que mentres uns salían por unha porta outros entraban pola outra, co cual as cadeas volvíanse encher de presos políticos, chegando xa neses tempos e outros posteriores a creación de movementos antirrepresivos, por exemplo no caso galego, a ACPG, XUGA, ou CEIVAR. No caso de Euskalerria as Xestoras pola Amnistía, caso máis sobranceiro.
Xa en tempos moi recentes a aprobación da lei da memoria histórica democrática atopouse cunhas barreiras chantadas na lei de amnnistia do 78. Fica claro que a consigna de AMNISTÍA TOTAL mantense de xeito PERENNE, imprescriptible, vencellada as arelas rupturistas, co proceso de inicio nos tempos da chamada reforma.
Asemade clarexar que as medidas de indulto non teñen equivalencia no concepto xurídico político da amnistía. Os indultos son medidas de graza de aplicación individual, hai que solicitalos e non cancelan ou limpan da culpa. Téñense concibido coma ferramenta das chamadas políticas de reinserción e buscan crebar a vontade política do reo e a sua resistencia en troques de beneficios penitenciarios e de deslexitimación do conxunto do colectivo político ao que pertencera.
En resumo, a loita pola AMNISTÍA TOTAL é indisociable do proceso político baixo calquera condición nun marco dialéctico de contradicións en calquera escenario de correlación de forzas de loita pola conquista do poder. Non só nesta casuística.
Avantamos.
XUR O'PONTILLÓN.