Neses trafegos coñezo a Agustín Fernández, quen máis adiante, publicará o libro "Julius Fucick, o home máis humán", prologado polo propio Ferrín. O pai deste Agustín, doente terminal, xa non puido manterse connosco pero foi o referente do PCOE na candidatura. Este home de quen xa non recordo o nome polo antedito fora víctima de torturas na DGS da Porta do Sol madrileña pola sua condición de enlace das agrupacións guerrilleiras galegas e a estrutura urbana do PCE que conducía a dirección do Partido. Na altura dos finais dos setenta e principios dos oitenta presidiu a Unión Democrática de Pensionistas en Pontevedra. En troques o seu fillo o mentado Agustín mantiña unha corresponsalía de Radio Moscú.
En paralelo a estes feitos estaba en marcha no conxunto do Estado o proceso que levaría ao Congreso de Unificación dos Comunistas celebrado na cidade de Madrid en xaneiro de 1984 e foi Agustín quen me levou a ese rego. Nun primeiro momento foime pasando exemplares do periódico Unidad y Lucha, órgano do comité central do PCOE, se ben este partido quedaría descolgado do congreso de unidade que elixiría ao xienense Ignacio Gallego secretario xeral.
Ao tempo fixera contacto co MRUPC ( Movemento pola Reconstrución e Unificación do PC) ao que pertencían tamén Antonio Gades e Pepa Flores, entre outros moitos militantes. No caso galego, un fato de camaradas procedentes do PCG asinaran un manifesto de adhesión a este congreso, maioritariamente do MO. Así, entre outros: o ferroviario Gonzalo Gómez Rodríguez, do barrio de Canadelo en Vigo, dirixente fundador de FETCOMAR das CCOO, Jesús Rodríguez Culebras. médico e concelleiro en Vilagarcía de Arousa, Doce de CEMSA, Manuel Rodríguez Pereira, empregado da Caixa de Pontevedra, Manolo Barros, concelleiro en Redondela, o coñecido como Pepe Chapas, Maneiro, O Chuvias, o estibador Antonio Figueroa, da parroquia viguesa de Beade e outros da nosa contorna, fixeron de tractora daquel reagrupamento nas terras galegas.
Para min, políticamente o máis interesante foi darlle o finiquito ao eurocomunismo, alinearse co campo socialista encabezado pola URSS, rachar co pacto social no MO, erguer a bandeira da República e manter o Dereito de Autodeterminación de Galicia, Euskadi e Catalunya.
Pouco despois celébrase en Compostela o congreso fundacional do PCLN ( Partido Comunista de Liberación Nacional ), saíndo elixido o concelleiro cangués Mariano Abalo como secretario xeral, navigando no ronsel do PGP ( Partido Galego do Proletariado), inspirado por Méndez Ferrín aló polo 78, continuador da UPG, liña proletaria, que ben recordamos.
Voltamos ao PC, despois nomeado PCPE e na Galiza PCPG. Eiquí o meu recoñecimento ao cda Xosé Castro Collazo, dirixente do partido, ca aínda hoxe, 2025, mantén o rumo do PCPG. O contexto da creación do PC punto veu marcado por dous elementos salientables, un interno, a eventual convocatoria de referéndum OTAN prometido por Felipe González e o xiro proatlantista do PSOE, e outro conexo externo ou internacional, o proxecto IDE, alcumado Guerra das Galaxias, tamén escudo antimisís, da administración Reagan, acompañado do desplegue dos chamados euromisís da OTAN en Europa co obxectivo claro de amedrentar á URSS e ós seus socios do Pacto de Varsovia.
Na criación e pulo do PC punto foi determinante o papel do PCUS na etapa de Chernienko e Yuri Andropov, xunto a dirixentes doutras repúblicas de democracia popular ou socialistas, como Gustav Husak, Janos Kadar, Erich Honecker e outros.
Un elemento volarativo engadido doméstico foi o magro resultado electoral do PCE no 82, a risco de ficar extraparlamentar.
Aterrando novamente na nosa cidade viguesa xa na andaina do PC punto póñome a militar na célula Foucellas no bairro das Travesas a carón de cdas tan prezados como Manolo Garrido, secretario de organización da célula, todavía a día de hoxe activo en numerosos frentes, no Comité AntiOtan p.e, Gonzalo Gómez, Virgilio, Antón Cabanas, Carlos Álvarez e así ata máis dunha ducia de militantes. O máis importante desto foi a recuperación da organización celular do partido frente ás agrupacións eurocomunistas e a opción polo nome de Foucellas para a célula nun exercicio pioneiro, mediados dos oitenta do pasado século, da recuperación da memoria histórica democrática ao tempo que honra e homenaxe a este comunista das Agrupacións Guerrilleiras.
O bienio 84- 86, coa perda pola mínima da nosa posición do NON á OTAN no referéndum, foi decisivo para a nosa historia ata os nosos días, nos que seguemos a berrar OTAN NON.