jueves, 16 de octubre de 2025

Sira e José Antonio. Casa Roucos

Empecemos polo principio, unha historia tamén pode empezar polo final ou por calquera momento intermedio. Falo de Casa Roucos na encosta ou pendente que debala mariñeira de Santa Marta poñendo proa ao recinto conventual dos franciscanos, de raigame qincuecentenaria, vixiante da nosa baía. 


Para min o principio son os nomes de Sira e José Antonio e non falo da xenealoxía histórica do establecemento polos cincuenta do pasado século. Eles, solícitos e falangueiros, son o maior elemento patrimonial, material e inmaterial, corpo e alma, do Roucos.


 Pretencioso da miña banda louvar os viños e os manxares da casa. Non son eu crítico gastronómico dese nivel. 


Póñovos en situación. O pasado once de setembro, Diada Nacional de Catalunya, vémonos e partillamos mesa, mantel e farra amigos de hai máis de corenta e cinco anos, algúns de máis de cinco veces dez. Cito, Carlos Meixide, os irmáns Arturo e Fernando Rosendo, José Quintillán, Pascual Martín e Alfonso Martínez Jiménez. Primeiro cocido da tempada, copioso e moi variado de carnes, ceboleiro, botillo e androlla. Outros entrantes de mar, pementos de Padrón, filloas de sobremesa e tarta de Santiago de abundante e selecta améndoa .Viños Rioja e Mencía de diversa denominación de orixe, non vou describir texturas e sensacións ao gustativo, licores, cafeses... A cociña á vista, directamente dos fogóns á unha mesa longa nun espazo recoleto presidido por un Pantocrator polícromo de Xabier Lemos. O binomio Laxeiro- Casa Roucos indisoluble. 

Numerosos instrumentos musicais e un cancioneiro ao noso dispor : Habaneras, Rumbas, Guajiras, cantes de ida e volta, as cantigas que popularizaron A Roda e Suso Vaamonde, primeirizamente pola contorna que as veces acompañamos , moi preto do Roucos, polo Chao, Rúa San Vicente, no Chavolas, na Taberna da Viuda e así. 

A invitación, máis ben a incitación ao canto co cancioneiro enriba da mesa de parte de José Antonio e da sua irmá Sira, cousa de terlle en moito aprezo. Onde se canta se viven con outra intensidade e máis matizadamente as emocións, o rexistro canoro, vocal pode tinguir de cores, non menos que a paleta do pintor, o cenáculo desa que chaman Capela Sixtina ribeirán co que baptizaron o Roucos, segundo hermenéutica do que foi máis de vinte anos párroco, Miguel Valdivieso, dí él, Capela Sixtina porque gusta, sen engadir máis. 

Para min Casa Roucos é epítome de franciscanismo e mar. 

Quen mellor puidera expresalo é o historiador Xosé Luís Mateo, homónimo do Mestre Mateo, e tornamos á mestura entre Roucos e Compostela, Camiño Portugués da Costa. A parada e fonda na Casa Roucos debera ter indulxencias plenarias, estación gozosa no rosario daquelas outras " capillas", así dicían na Rúa de Santiago aos bares, idas no devalo do tempo, camiñando nas sombras, penso nas suas proximidades, no Bar Mascato, en Casa Armando ou na Esquina.

 O Mascato encerra no cofre da miña memoria algúns segredos ben gardados, por frente do Mascato a carpinteiría de Dorrego da miña nenez na compaña do meu avó Adolfo Pérez tamén ebanista e carpinteiro.

 Voltamos a Casa Roucos para darlle a despedida a Sira e Jose Antonio botándolle a derradeira. 

E o tempo dirá. 

XUR O'PONTILLÓN