martes, 11 de noviembre de 2025

A Crise Petroleira de 1973 e a Reforma

No contexto dos estertores do réxime franquista factores esóxenos económicos se retroalimentan cos endóxenos políticos, sintomáticos da fase terminal da ditadura, mesmo do ciclo biolóxico do coudel ou pequeno Führer Franco. Nese tempo a sua policía, os grises, recibían o nome de "GRISTAPO" por semellanza co da GESTAPO e pola sua brutalidade. As veces dáse o menosprezo da prensa militante clandestina como pura consigna ou axitación, a chamada AgitProp, ou por hiperideoloxizada. Eu quero reivindicar eiquí o seu papel formativo e destacar que nalgúns casos contaba coa colaboración de persoeiros do mundo académico baixo sinatura ficticia ou sen asinar. Tamén, claro, por estar escritas estas liñas dende o corazón quente do compromiso daqueles tempos abafantes.


Pois ben, voume referir a crise petroleira que estoura no ano 1973 ( polas decisións adoptadas polo cártel petroleiro da OPEP)) e que supón a fin dun ciclo de petróleo abundante e barato que engraxaba a maquinaria do chamado capitalismo imperialista do hemisferio norte e occidental principalmente, baseado na división internacional dos fluxos económicos nos que uns xogaban o papel de fornecedores de materia prima estratéxica, neste caso do petróleo, e outros devolvían produto manufacturado de alto valor engadido obtendo as maiores plusvalías, perpetuando a dependencia dos países abastecedores nun ciclo de desenrolo desigual e combinado.

 Falaba antes da prensa clandestina, foi nesta na que vin exposta a ligazón antre estes factores internacionais, a repercusión interna no mercado como xeradora de inflación, a carestía da vida e agravamento da crise de Estado. Esta conxunción posibilitaba argallar movilizacións por incrementos salariais acordes ao IPC que servían de ariete do MO ( Movemento Obreiro) contra a ditadura. No ano 1974 Franco deixa interinamente a Xefatura do Estado ao chamado pelele, o designado sucesor ante ás Cortes, o Borbón Juan Carlos, por mor dunha tromboflebite. Franco entraba término do seu ciclo biolóxico e as turbulencias e marexadas do capitalismo internacional non parecía acompañar un final apacible o seu réxime. O MO encontrábase á ofensiva ata que a claudicación das élites burocráticas sindicais e dos pactismos eurocomunistas e socialdemócratas asinen os Pactos da Moncha, en Outubro de 1977, como unhas das trabes mestras da Transición ou Reforma.