sábado, 8 de noviembre de 2025

Baixada ao Pontillón 73-74 e 74-75

Á beira do río Lagares, na parroquia de Freixeiro, descendo do cemiterio e Igrexa, atópanse duas casas xemelgas de dous andares, baixos e sotos. Nestes últimos se encontraban talleres KOBER de Macías, alí traballaban os irmáns Valiño, impulsores xunto co meu pai e outros, da creación da primixenia asociación de veciños Freixeiro-A Ponte Nova. Talleres KOBER destacara na primeira folga do metal de menos de cen traballadores, aló polo 76. Recordo desta empresa ao conductor Juan ou o andaluz de apelido Copero. Pola traseira de KOBER unha empresa de téxtil nuns baixos que foran de Rufo Pérez, onde hoxe se encontra o paseo que leva o seu nome. 

No número tres da Baixada ao Pontillón no segundo andar, por aquela semilóbrego, dunhas vivendas do meu avó Adolfo Pérez instalamos dúas vietnamitas para imprimir panfletos e algunha propaganda básica coa que informar e axitar aos nosos compañeiros do instituto e do ensino vigués en xeral. Clichés, tinta e folios llos compraba a Pepe Ulloa na libraría A Esmorga con total confianza e seguridade. 

O procedimento que recordo era o seguinte. Unha vez picado o cliché, montábase no bastidor por baixo da tea e por riba extendíase a tinta, pasada de rodillo e ir secando artesanalmente co aire ambente. Unha vez secos empaquetar. Nos gardamos en ocasións esta propaganda en " buzóns" como o pombal no máis profundo dos xardíns do Pazo de Castrelos, os Tranvías abandonados en ringleiras camiño do instituto en Coia ou mesmo nalgún nicho baleiro no cemiterio de Bouzas. O obxectivo sempre pretendía o mesmo: mellorar a seguridade na distribción e reparto da propaganda e que ésta permanecera agochada en lugares públicos.

Coa axuda dalgúns sprays para ás pintadas, a oratoria asamblear e moita vontade revolucionaria empurrábamos o movemento estudantil ás rúas, pasando por asambleas e desaloxos. Non precisamos de moitos nin grandes medios materiais. 

Isto foi nos cursos 73-74 e 74-75.