miércoles, 19 de noviembre de 2025

Castrelos no Tempo da Transición

Era Castrelos todavía unha floresta, boscoso, cunha vexetación tupida en extensos espazos da sua fisionomía, vexetal, o río puña o contrapunto musical, canoro ao das aves, nunha coreografía que compuña unha estampa de maior profundidade agreste. Recordaba da miña infancia aínda non lonxana o canturreo avisado de Gorgorito coa sua estaca e a malleira que levaba a bruxa Ciríaca. Tamén nos veráns os chamados Festivais de España, principalmente noites estivais de programacións teatrais ( José María Rodero e outros), musicais, zarzuelas e ballet clásico ou flamenco, por exemplo Antonio el bailarín. Tamén duas barracas (  unha destas colleraa Arce do PTG ) que abrían próximas ao anfiteatro.

 Cheirume predominante de arcolitos. Castaños de indias. Algunhas familias facían vida campestre comendo e xogando ás cartas. Fontes con auga de mina. Parrulos sobrevoando o Lagares ou aniñando. 

Pois ben, xa teño falado do Pombal ao fondo dos xardíns dentro do Pazo, utilizandoo de buzón da nosa propaganda. Non eramos os únicos. O parque de Castrelos foi lugar de citas, encontros, xuntanzas e paseatas políticas ao aire libre. 

Entre as xuntanzas algunha con Luigi no seu paso pola liga procedente da OMLE. Máis tarde montaría a Taberna Baco na Rúa Cantabria e posteriormente o Café Uf na Rúa Pracer xunto con Paco. Luigi desplegou a sua militancia posterior na esquerda independentista e recordoo nas XUGA ( Xuntas Galegas pola Amnistía).

 Antes desas xuntanzas tiven algún encontro - paseo pra falare de política xenéricamente, pasar ou recoller material. Nalgún caso co membro das xuventudes carrillistas ( XCG) Xosé Luís Ezama o "Gurú", excelente compañeiro de quen xa teño falado. Foi él quen me pasou o contacto con Lucía Cid Cabido, tal ves ela recorde. A cita no bosco de Castrelos. Non houbera acordo político para achegala ás nosas posicións pero conservo o recordo dunha muller intelixente e respectuosa que escoitaba e argumentaba as suas opinións que como dicía non eran coincidentes coas nosas. Penso que non estaba en ERGA pero podía asociala co nacionalismo. A verdade é que parecíame moi ben. Mesmo quedara eu cun aquel de si non levara razón e fora eu quen debera mudar. A miña posición política estaba tomada, había xente comprometida e non foi así. Boa impresión de Lucía e tamén de Ezama. 

Para rematar estas liñas dicir que o anfiteatro de Castrelos foi lugar de axitación, panfletos, berros e bandeiras para reclamar atención sobre movilizacións, primeiro tímidamente, xa no 75 máis visiblemente tomados sectores das gradas polos nacionalistas e algúns outros e a partires do 76 ácratas e grupos diversos, as veces con algaradas e incidentes, en xeral ben aceptados. Os tempos ían mudando.