Descendo, a Barroca e Poboadores leva ao labirinto de ruelas e praziñas que desaugan nos peiraos do Berbés. A presenza franciscana enseñoreaba toda esta contorna, mesmo houbo algunha noite desvelada tingindo serrín e debullando froles, tracexando con tiza alfombras polo Corpus. Rafael, o fillo de Quina das empanadillas, quen mora na rúa, era animador principal desta manifestacion relixiosa.
Unha ara mariana tamén peto alumeado por mariposas de aceite pasaba de casa en casa e os frades botaban a aspersión de benzón nos fogares, moitos deles de xentes mariñeiras, familias que nutrian as confrarías que acompañaban a procesión dos pasos do Xoves Santo. Unha saeta acoitelaba o vento detendo a marcha procesional ao ingreso en Calvo- Sotelo ( Elduayen).
De por medio do morro ou fuciño do castelo proxectado á baía o punto de articulación que representa o chafarís, xentes ciganas, coas suas cachabas e os seus facóns entretendo o tempo. Virando á dereita a Ferrería.
Aorredor do ano 1970 un fato de seminaristas viñeran dar co seu apostolado social por aqueles eidos para moitos arrenegados. Entre estes mozos Antón Bouzas, que non deixaría de librar batallas polo ben común. Apenas vou falar dunha que trouxo esperanza ás boas xentes.
Por aquel tempo de comezos dos setenta falábase moito de que todo aquelo estaba "afectado" e os veciños andaban a ser presiondos, extorsionados para que deixaran as suas casas e tomaran as chaves que lles ofrecía a Caixa de Aforros nalgúns dos pisos de Coia. Daquela non se falaba de xentrificación por suposto. Cando se iniciaron as voaduras para darlle profundidade ao terreo deron con inmensa rocha viva granítica. A toque de cornetín achantaban a xente nas casas e grandes candullos chagaban ao chafarís e ao Paseo de Afonso.
Nesa grave situación de manter á veciñanza aterrorizada, se ben veciños houbo que parecían gustosos de transaccionar, emerxe a figura de Antón Bouzas e os seus compañeiros, amosando unha preocupación integral polo bairro, opóndose a sua degradación imparable.
Daquelas xornadas e desvelos xa edificado o mamotreto, pasaran os tempos de Portanet e Ramilo, quen colocara a primeira pedra, eran os tempos de García - Picher, a alcaldesa Enma Baladró e así, mais iso pouco importa. Aqueles días foron xérmolo do incipiente movemento veciñal, un dos seus berces o Casco Vello. Para min estes espazos son o kilómetro cero topográfico e sentimental da cidade, o demáis extramuros.
Outro xeito do imaxinario colectivo sería unir puntos entre a praza de abaixo ( A Laxe) e praza de arriba ( Progreso) e as suas estribacións entre o Areal e a Estación. O mercado do Progreso chegou a estar provisoriamente no Campo de Granada.
Volvo á figura de Antón Bouzas. Co transcorrer dos tempos, nos anos oitenta, andaremos enleados nos trafegos da reconstrución comunista que deu no congreso da unidade de xaneiro de 1984 en Madrid co xienense cda Ignacio Gallego como secretario xeral.
Outra con Antón Bouzas no acto multitudinario de homenaxe a Elvira Landin e Fernando Randulfe no monte Alba que convocou a unha moitedume militante no restaurante Sanatorio do Alba.
Novamente xuntos con Antón Bouzas na homenaxe ao crego obreiro, ex traballador dos asteleiros de ASCON, Bieito Santos que desevolveuse nun ateigado auditorio no colexio Bellavista nunha tardiña de xuño de abafante calor. Co Bieito tamén traballara Antón no metal por terras de levante. Recordo apoiar unha folga de fame por dereitos laborais nun peche nos apóstolos, na rúa Marqués de Valadares polos oitenta, outro dos folguistas Guisande.
Poño eiquí un punto e aparte, non hai propósito de exhaustividade nestas apuradas liñas.
Antón Bouzas, a lus que non cesa.
Un facho aceso de solidariedade.
Unha lembranza desde este recanto para o amigo Gonzalo Álvarez - Lago García - Teixeiro.
XUR O'PONTILLÓN.