Vaia unha aclaración previa. Cando empregue E.E. estaréi considerando o Exilio Emigración como un TODO, unha soa categoría analítica e sintética ao tempo, sen escisión, non compartimentadas nunha estanqueidade, se ben teño claro que nos anos dos que trato ( sesenta e setenta) algúns chegaron fuxidos da represión política do réxime franquista, un deles é o caso de Foz.
Hai algúns considerandos que poden contribuír a darlle substancia a nova categoría que emprego. A explicación máis evidente e inmediata radica no feito da doble traxectoria: algúns integrantes da chamada " migración laboral, económica" fundíronse co exilio ao adquirir consciencia política contra o réxime imperante no interiore do país. De certo algunhas organizacións resistentes tiveron a sua xenealoxía nos círculos desa emigración. Doutra parte, a evidencia de que os considerados exiliados tiñan que facer procura do sustento e por elo deviñan tamén migración económica. A maiores que o incremento da influencia dos exiliados nos chegados nas remesas fornecidas, de xeito directo ou indirecto, polo réxime esvaían os marcos destes eidos.
Póñome en situación sobre o terreo, Nadal de 1975, enderezo, 8, Impasse Truillot / 94200. Ivry sur Seine, sé da nosa agarimosa embaixada galega, domicilio familiar de Foz coas portas sempre abertas aos nosos compatriotas da terra. Ese Nadal do 75 dende o día anterior, o 24 Noite Boa, pasei en Ivry, ás aforas de París. A preocupación polo inmediato devir do Noso Lar Galego, da Patria, da Terra, do País, da Nación, da Galiza, de Galicia, dos mil nomes proteicos que lle deamos, era acuciante, mais non se trataba de ficar coma espectadores senón de axir, de mover as augas para o noso muíño nas coordenadas dunha política de Estado que en pouco ou nada contaba coa Galiza como suxeito político soberano , pensando en nosoutros coma xentes manseliñas, tan equivocamente retratados naqueles versos de Miguel Hernández, non recordo se no poemario Perito en Lunas, " Gallegos de lluvia y calma". Pois non tal.
Algúns dos amigos que invoco, transcorridos uns 45 anos, teríamos unha cita ou encontro convidados por Foz no Restaurante Mollos e Moios no lugar das Cortes, perto de Bertamiráns, cuase a beira do rio Sar, por esas veigas rosalianas. Nesa ocasión xuntos os irmáns Arturo e Fernando Rosendo, J. L. Caramés, Foz e máis eu. Moitos recordos e coma sempre moito por facer, a tarefa inacabada, os traballos de Sísifo.
Naquel convivio antre as lembranzas, a do retorno parisino e o adiamento da entregue do pasaporte ao Foz ou a ese galego inmenso, o secretario xeral do PCOE, nado en Calo, concello de Teo, pertiño de onda nos topamos, o canteiro e chefe militar nos campos de batalla españois e europeus contra o fascismo Enrique Líste ( cda Líster) Forxán. Co reloxio posto en marcha do proceso da reforma non todos puideron participar cos mesmos tempos e quen goberna o tempo administra vida e morte.
Imos chegando as sobremesas no Mollos e Moios e aínda quedan xornadas parisinas ao noso retorno outra volta polas ferias de Nadal dun 75 neblinoso. Cando vaiamos avantando toparemos a Foz no camiño e con ele iremos parolando e axindo. Tamén cos amigos Rosendo, Caramés e máis os ausentes na estadea da vida. De momento vala esta tarxeta de presentación para uns, de remembranza para outros.
XUR O'PONTILLÓN.