domingo, 11 de mayo de 2025

Letras e Cantigas 2025

Primeiramente a miña louvanza a centenaria e benemérita institución Real Academia Galega ( RAG) polo acerto na súa decisión nestas letras 2025 de dedicarlle ás pandeireteiras, á música e cántigas populares o Día Grande.

 É ben sabido que desde o ano 1963, centenario da públicación pola imprenta Juan Compañel en Vigo da obra poética de Rosalía de Castro, titulada Cantares Gallegos, lévanse conmemorando cada 17 de Maio o Día das Letras Galegas, dedicado a un autor ou autora, a primeira a propia Rosalía. Non deixa de chamar a atención que sendo a primeira e por así dicir padroa do Panteón literario galego unha muller, estea tan pouco balanceada a relación do cómputo total entre elas /eles, mesmo obedeza ó feito de haber máis autores ca autoras. 

Este 2025 dunha soa tacada póñense no centro da celebración un fato de mulleres cantareiras que foran de Muxía, Malpica e Cerceda, máis ben coma símbolo dun quefacer anónimo, colectivo e popular. 

Eiquí quero determe. Sendo día de letras neste caso imos ao rexistro da oralidade, do canto e polo tanto da musicalidade cunhas letras que en principio non son de autor senon do xenio ou alma ou estro popular, tamén nos seus metros, acompañando ás voces probablemente o máis primeval que abeira a condición humana, a percusión coas súas pausas e silenzos. Pensamos que se o ritmo e as composicións estróficas tiñan a súa mesura en pés era porque efectivamente o ritmo marcábase cos pés. Precisamente a música e o canto deben mover os pés, a danza. Doutra maneira non nos vale.

 As letras requiren visualización, o acústico non. Os cantares de cego, eran memorizados, a importancia de salientar canto e memorización. Se había letras de cordel sería por comenencia de mercadeo ou para axudar aos de máis frouxa retentiva.

 Lembrar cando na escola nos aprendían as táboas das operacións aritméticas cantandoas para mellor memorizar ou que mesmo para oposicións que hai que afrontar oralmente ( por exemplo, notarías) dígase cantar os temas e outra volta ter moi boa memoria como requisito imprescindible. 

Outro rasgo do comunal das cantareiras e que desempeñaran as súas destrezas vocais e coas pandeiretas con ocasión de xuntarense para traballos como fiar ou calquera outro, non como espectáculo disociado do traballo máis ben manual  do que tamén participaban.

 A Homero, aedo fundacional da nosa literatura occidental co poema a Ilíada, ténselle representado cego, pensemos que primeiro a composición do poema fose recitada e de forma progresiva incrementada e logo fixada na escrita. 

Eu penso que tamén hai que escribir de oído o que dicte a prosodia musical e ler en voz alta deixándose levar polos rexistros da voz que inclúen por suposto ritmo e melodía.

 Que triste resulta precisar da ortopedia das convencións ortográficas! Xa poñerei a til onde me pete ou me dicte a emoción e o corpo e se preciso pandeiro bater no peito, poño por caso. 

Os humans somos unha caixa musical mercé a osamenta e o pneuma.

 Xa rematar desta, engadindo que dende a perspectiva da construción nacional galega, vou lembrar a Demófilo ( Amigo do Pobo), nado por estas terras galaicas, pai dos irmáns Machado, Antonio e Manuel, floclorista, precursor destes estudos, influenciado, penso, polo romanticismo alemá, e pola cultura volkisch, ou polas concepcións organicistas de pobo, tal como falaba Herder, ou os colectores irmáns Grimm. Todos eles poñen a lingua como portadora dunha cosmovisión e a kulturkamf polas tradicións e o telúrico, TERRA, como berce e sepultura da semente das nosas voces e corpos.

 A construción nacional, que algúns chaman IDENTIDADE, é colectiva e simbólica. De mitos e símbolo, máis perto da psicoloxía junguiana ou das ensinanzas de Micea Eliade. 

O seu epítome máis acaído son os cantos, as músicas e os oficios artesanais e agrícolas. As cantareiras nos solpores, nos fiadeiros, nas foliadas.

 XUR O'PONTILLÓN.