martes, 13 de mayo de 2025

Foliada Universal

No ano 1951 principia a sua andaina a Editorial Galaxia coa publicación do libro Antífona da Cantiga, cancioneiro colleitado por Ramón Cabanillas que contén perto de novecentas cantigas de extracción popular . Tamén podo recordar unha escolma de composicións do pobo na Editorial Castrelos ( tempos dos primeiros setenta nos que facía parada e fonda camiño do instituto para repoñer o espírito na libraría Almoneda, ao tempo base operacional de Editorial Castrelos con Xosé María Álvarez Blazquez ao frente, onde me fixen, entre outros, cos libros poemarios primeirizos de Editorial Xistral, da autoría de Fiz Vergara Vilariño, Darío Xoán Cabana, quen traballaba para Ed. Castrelos e Margarita Ledo Andió) con arredor dunhas sesenta cantigas nun libro magriño con notas de Xesús Alonso Montero. Nos anos oitenta a Fundación Barrié de la Mazá, penso que vencellada ao Banco Pastor, financiou unha magnum opus en sete volumes sobre o tema, cun vasto traballo de campo e posterior de gabinete, sistematizando temas, letras e partituras, sob a rexentía de Antón Santamarina. De nengún destes títulos citados dispoño neste momento, lonxe das miñas mans ficaron arredados de min no tempo e no espazo. Tampouco tento facer glosa deles senón cativamente acompañar na celebración con este garabateo que me traio. 

Puxenlle ao inicio destas liñas Foliada Universal, como así está convocada na Praza dediante do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, unha xuntanza de pandeireiteiras, músicos e xente do común en xeral. Que estes sons ecoen nos catro recantos do mundo e alumeen coma un facho un novo e brioso REXURDIMENTO NACIONAL de espallamento das nosas falas nas voces cantareiras da tradición co acompañamento instrumental que dalle peculiar fasquía a este serán. Lugar de especial mimo e acollida as comunidades transterradas e os espazos radiofónicos que aínda queden polos mundos. Foliada tamén de esfollar, que tamén é o que fai o tempo coas nosas vidas, vainas esfollando. 

Xa de peche, teño sobre a mesa un cancioneiro de taberna. Penso que algunha ósmose haberá entre os cancioneiros todos, e que se a foliada é un acto festivo de socialización, as tabernas, tamén chamadas capelas no argot popular, son espresión intensificada, intensificadores da devandita socialización, asociada ao canto e ao viño, loureiro maior da coroa patriana. 

Aí vai a despedida : recollo do libro Cantigas de Taberna, de Alexandre Cadarso Suárez, pax 171. Cantiga num 67 no libro, Nosa Señora da Guía. Extraio só os seis primeiros versos. Faise no libro unha aclaración previa sobre esta cantiga, que cito textualmente. " Zeca Afonso, popularizou esta peza co nome de Chula da Póvoa. O cantautor galego Benedicto fixo coñecido este tema co nome de Nosa Señora da Guía". Os versos ben coñecidos e ben cantados din :
               Nosa Señora da Guia, Bis
             guía aos homes do mare. Bis

             Veña ver a barca a vela, 
              que se vai deitar no mar-e. 

             Nosa Señora vai dentro, 
             os anxiños a remar-e. Bis

 Adícolle estas verbas:  Aos Irmáns Fernando e Arturo Rosendo.                   
Ós grupos:  Muiñeiros do Sarela, 45 Anos Aló, París de Combarro. A Mingos, In Memoriam.

 XUR O'PONTILLÓN