jueves, 29 de mayo de 2025

Bar León en Vigo

Onte recibo visita de Emilio Zunzunegui para facerlle entrega dunha camisola do blogue Distopías18 e parolar de política ao cual somos moi afeccionados, fomos camaradas de tempos moi lontanos ou lonxanos, mais non desta política ratoeira, New Wave, que non conduz, por desafección, máis que o feixismo, a política do postureo virtual digo. 

A miña grata sorpresa foi recibir das suas mans uns libros de cortesía. Entre eles un que tira dos meus recordos de vigués natal. Imos ao conto. É un libro da autoría de Fernando Ferreira Priegue que leva por título " Entre Café, Espuma y Confidencias, El Bar León y su Entorno ". Instituto de de Estudios Vigueses. Neste libro faise memoria circunstanciada dun tempo que transcorreu en duas décadas, anos sesenta e setenta, con avances e retrocesos xeneracionais, dalgún modo coincidente coa infancia e adolescencia do autor. A contorna que abrangue, máis ou menos definida, é a dos ramais e rebordes do Campo de Caralladas, Terra Ignota de proprietarios, de usufructo comunal de lecer.

 Nese descampado acampaba a maxia do espectacular máis grande do mundo. Igual acontecía noutros puntos da cidade por aquel tempo. Teño falado das proximidades do Campo de Granada, moi pertiño de onda nosoutros de cativos polo mesmo tempo. Non vou facer espoiler do libro só dicir que resulta dunha lectura adictiva, con variadas incisiones no esquelete argumental baixo a forma documental, testemuña fluente do río da vida que nos vai levando, un corpus memorialístico de primeira man.

 Só vou extraer unhas verbas de Emilio Zunzunegui sobre o seu pai, nado en Cangas, o artista plástico e bibliotecario do noso concello vigués, Emilio Fernández Rodal, de sinatura artística Rodal, mestre. Eu engado grande artista cunha boa amósega na pinacoteca do Pazo Museu de Castrelos, poño por caso, e noutras mundo adiante. Boa ocasión este centenario da doazón do parque e museu á cidade para achegarse e disfroitar da sua obra. O avó de Emilio F. Zunzunegui tamén foi o primeiro director das Escola Nieto. 

O libro de Fernando Ferreira está profusamente ilustrado con fotografías daquel tempo ido agora retornado e debuxos que danlle unha fermosa fasquía a edición. Para os amantes da nosa cidade olivíca lectura recomendable e recomendada.

 Comentarei por fora do libro as miñas andainas cara aos cines da Rúa Sagunto, o Avenida e o Palermo, algunhas xuntanzas na clandestinidade e algúns "saltos", igualmente na Cafetería Alaska, xa perto de Ramón Nieto, nalgunha desas citas a figura lanzal de Xosé Luís Ezama, do que xa teño falado, moradores ele e a sua familia da parte alta da rua Ecuador. Outras visitas estiveron motivadas por mor de viver nun dos blocos de casas funcinariais que perimetraban parcialmente o espazo do Bar León o meu tío avó Urbano Pérez, profesor de física e química nun estabelecimento de secundaria, a sua muller Elena e o seu fillo Carlos.

 Xa de remate, van uns grolos xenerosos e unhas cantas cos camaradas, no Bar el Bloque de Álvaro, pouco máis abaixo do Bar León, polos setenta e oitenta... danzan no pentagrama do Tempo os aires cadenciosos dunha habanera... con Gonzalo, Pepucho... aqueles oitenta. 

Obrigado a Emilio Zunzunegui e parabéns a Fernando Ferreira Priegue polo seu libro. 

 XUR O'PONTILLÓN.