A figura de Prisciliano érguese coma un insurrecto que pretende convencer aos seus coetáneos antes que impoñer. Confiaba na palabra evanxélica, na sua persuasión, e no século catro tomou posición frente a unha Igrexa que pretendía establecerse como poder xerárquico con Roma como centralidade e o Papa, bispo de Roma, cunha preeminencia sobre os demáis bispos da cristiandade.
Ordeado bispo de Ávila, na Lusitania, foi denunciado polos bispos de Mérida e do Algarve, Prisciliano acude a Roma para defenderse e non é recibido polo Papa. Probablemente confunde as cuestións teolóxicas e doctrinais coa verdadeira cuestión que estábase a dirimir, unha pelexa de poder arredor do futuro dunha institución que alborexaba para durar longos séculos.
Esta indefensión levouno á decapitación en Tréveris pola man do Emperador, preocupado con congraciarse co novo Poder emerxente.
Acusado de nigromante, tal vez pagano, quen foi Prisciliano? Dende unha perspectiva histórica, un tanto neboenta a sua vida, entre a lenda e a historia, con arrrcendos de santidade, ofrece testimonios de vida. A sua comuñón coa natureza, a sua relación en bastante intimidade cun circo relativamente amplo de mulleres, teólogas e sacerdotisas, precursoras das ordes regularse femininas. Hoxe en día hai estudos destas cuestións dende a perspectiva da crítica do chamado discurso de xénero, que non abordaremos nestas breves liñas.
Utilizando un presentismo, quizáis un ucronismo, puideramos representarnos a Prisciliano como un librepensador, un esprito ceive pouco moldeable para as restriccións, confiado no verbo divino e na praxe vital.
E para Nós, os galegos co percorrer dos tempos? O feito de acreditar o seu nascimento na Gallaecia, mesmo considerar o sepulcro de Santiago ocupado veramente polos osos de Prisciliano e que nestas terras galaicas agromara o seu ensino e exemplo, por ser máis acaído a natureza do País galego, xerou unha reivindicación do seu personaxe como elementos identitarios no ronsel do romanticismo e o nacionalismo que lle vai asociado.
Xa na entrada, anos vinte do pasado seculo vinte, Vicente Risco e outros encontran a sua efixie suxente. Así vai entrando no universo literario galego. Ferrín, poño por caso, dedícalle unha composición poética en libro de tan elocuente título como Estirpe. María Xosé Queizán, adentrándose máis no mundo feminino de Prisciliano, unha novela, Amantia. Tamén no teatro, Roberto Vidal Bolaños. E así outros. Para rematar estas breves liñas, citar como libro de consulta a edición dos escritos de Prisciliano " Tratados y Cánones". Dou como referencia a edición da Editora Nacional. Biblioteca de Visionarios, Heterodoxos e Marxinados. Ano da edición vai máis arriba na foto da capa do libro, 1975. Prisciliano é Noso.