Penso na recuperación de figuras como Plácido Castro ou Ramón Lugrís, entre outros, ou efemérides como o recoñecemento pola Sociedade de Nacións, de Galiza como entidade nacional ou as emisións radiofónicas londinenses do citado Plácido Castro.
Xulio Ríos tamén é figura precursora e principal da sinloxía na Galiza e con maior amplitude mesmo no conxunto das letras hispanas, no xénero do ensaio. E nesto vou facer fincapé.
O meu primeiro contacto coa sinoloxía foi a remates do verán de 1975 na libraría Le Phenix, no Boulevard Sebastopol en París. Un mega centro do libro chinés en variadas linguas con preponderancia dos textos políticos.
Pasados moitos anos, a coincidencia que se deu nunha estancia miña en Ávila de toparme co mosteiro dos dominicos, cun museu ou algo así, onde puiden darme con mostras da presenza desta orde relixiosa no chamado extremo oriente, Filipinas e China, quizais nalgún momento rivalizando cos xasuitas, seguramente éstes máis exitosos no seu propósito de introducirse na Cidade Prohibida.
Outra motivación máis recente é a relación con Aránzazu Luna, aí a sinoloxía xa non é xeopolítica senón literaria e filolóxica.
O meu agradecemento a Xulio Ríos ven da man de dous encontros, un a comezo do verán con moita calor e outro de hai uns días deste outono asaz chuvento e ventoso, deste en curso 2023 na antiga Cafetería Reka2, no querido bairro das Travesas, moi perto de onde estiver o Colexio de Doutores e Licenciados, que presidiran ao seu tempo, Rufo Pérez, Leonides de Carlos e X. L. Méndez Ferrín, o cal foi ocasión de comentar, así como a proximidade en tempos do cine Disol, onde se proxectaban de cando en vez películas acompañadas de intervencións dos asistentes.
Neste segundo encontro tivemos ocasión de falar tamén deses temas alcumados de xeopolítica, poño por caso da perestroika ou a glasnost dos tempos das mudanzas na extinta URSS.
Xulio Ríos, nas duas citas que tivemos, a maiores do seu verbo sapiente, agasalloume con materiais publicados, ben da sua autoría ou contando coa sua colaboración. Debo recordar que nalgunha oportunidade nos meus tempos de radio nas illas empregara algún solto da revista Tempo Exterior. Sen máis, ata próxima. Obrigado Xulio Ríos.