Mela tiña unha idade indefinida, tal vez nos sesenta, era grosa, corpulenta e co cabelo cano, bebedora de viño barato e tamén brandy. Íamos a unha tenda nun calexon moi estreitiño, que atendía tamén de noite, coa porta pechada, só había que petar e tras escoitar que ías de parte de Mela eras atendido. Fumadora teimosa de cigarros. Ela Ducados, eu Coronas, Partagás e Tiparillos neerlandeses dos barcos da Trasatlántica. Tíñamos feito algunha cea, recordo un polo con cervexa. Por aquela casa pasamos, con maior ou menor asiduidade, que eu poida recordar, Juan Diego Riera, Xurxo Porritt, Alicia Castro Cabaleiro, Alfonso Martínez Jiménez, Eduardo Pahino, Carlos Príncipe, Manuel Campillo, Carlos Meixide, o seu irmán Manolo, Maruxa Cal e a mesma Magdalena Garabatos, onda conocín, tamén xentes do FRAP.
Non estou certo de se algo argallouse do comando do primeiro de maio no Troncal entre esas paredes pero ben puido ser. Certo que algúns de nós tratamos asuntos das nosas actividades e certo tamén de que se falaba de política e había afinidades contra Franco e o seu réxime de ditadura terrorista.
Noutros eidos, citar algunhas peculiaridades de Mela, como a sua afección polo esoterismo e as prácticas das psicofonías que quedaban rexistradas nun magnetófon ou o xogo da Güija ( Grafía RAE). O caso é que éstas e outras actividades axudaban a pasalo tempo.
Xa morto Franco topei con Mela na Rúa González Sierra onde a tenda de motos ANCA, era o ano de 1979, nas vésperas de eu incorporarme ao campamento de Colmenar Viejo en Madrid e despois á Acorazada Brunete. Faloume ben do PSOE, aí tiña postas as suas esperanzas, animándome a ingresar nese partido, ao que vía chamado a gobernar no curto-meio prazo. Non se trabucaba. Mais coido que non chegou a poder ver cumprido ese vaticinio da sua sapiencia esotérica e politolóxica. Non duraron moito os seus días. Mela fora apartidaria ou suprapartidiria, nembargantes debe ser destacada a sua membresía na organización Socorro Rojo Internacional, organización antifascista.
Naquel Vigo do tardofranquismo a hospitalidade de Mela cos que empezabamos a despuntar na rebeldía merece ser recordada e agradecida. Para nós Vigo non sería a mesma cidade solidaria e os nosos recordos estarían mancados do intenso desas vivencias.
Saúdos saudosos, Camarada!!!