martes, 24 de febrero de 2026

O meu 23F do 81

Fixen o meu servizo militar con destino na DAC (  División Acorazada Brunete ) previo xura de bandeira un 19 de Agosto do 1979 no CIR de Colmenar Viejo na Primeira Rexión Militar, sendo o Xeneral de División ao mando Torres Rojas, posteriormente implicado no autogolpe do 23. O xeneral da Primeira Rexión, Xeneral Guillermo Quintana Lacaci e ministro de Defensa da UCD Agustín Rodrígue Sahagún.

 A DAC estaba conceptuada como unha unidade de intervención inmediata na que se programaba e executaba instrución de contrainxursencia, patrullas pola M30, colonia militar de Aluche, bairro de Campamento, estrada de Extremadura, se realizaban frecuentemente manobras de todo tipo, destacando e asistindo a duas do conxunto da Acorazada no Campo de Tiro de San Gregorio en Zaragoza e outra en Chinchilla na provincia de Albacete, en outras fun agregado como operador de radio. 

O meu destino na Acorazada Brunete foi nun REMIX, arma de Enxeñeiros, batallón de Transmisións na Compañía de Radio. Posto táctico,  consta na blanca, operador de radio. 

A distribución sobre o territorio da Brunete era máis ou nenos anular, arredor de Madrid. No servizo de operador de radio tiven que cubrir un denominado, malla divisionaria, que enlazaba tódalas unidades e o Estado Maior no Pardo, onda había compañeiros destacados. No tráfico diario da malla cumplimentábanse uns estadillos cos seus correspondentes indicativos, que eran entregados no corpo de garda. Quizáis aínda hoxe resultaran uteis.

 O caso é que movementos e comunicacións deron no relevo de Torés Rojas con novo destino como xefe de inspección de tropas na octava, A Coruña, polo xa daquela cualificado de constitucionalista, o otanista Xeneral Juste Fernández. A DAC foi considerada peza insustituibel no desenrolo do 23F. 

Vexamos. Os contidos máis reiterados das mensaxes era o terrorismo, preservar a Monarquía e a Unidade de España. Cando chega o momento son os militares máis monárquicos os máis resoltos, Armada e Milans del Bosch, entre outros. No contexto daquelas datas o Rei fora aldraxado nunha visita a Euskadi por electos de Herri Batasuna, interrompido ó inició da sua alocución, entoando o Eusko Gudariak. Un dos intanxibles dos tempos da Reforma era a Monarquía, símbolo da Unidade de España e as Forzas Armadas o seu garante. 

Perante a escenificación da ocupación do Congreso quedan abertos micrófonos e algunha cámara ( noite dos transistores) pra que poidamos visualizar e ouvir o reality. 

O Rei non aparez en pantalla ate a madrugada. Aparecen en escea os da JUJEM, Junta de Jefes de Estado Mayor e o seu presidente, o ferrolán Gabeiras Montero, secundando ao Rei. Vanse retirando os tanques aos cuarteis en Valencia.

 Resultado: dobre.lexitimación da Monarquía e a Constitución.O 23F Unha Borbonada. 

Epílogo: 12 meses despóis gaña o PSOE as eleccións con 202 deputados sobre 350. Un dos seus primeiros actos públicos, a visita da Brunete no acuartelamento do Goloso.

 A marcha da Reforma/Transición segue o seu paso lixeiro, imparable.

miércoles, 18 de febrero de 2026

Rupturismo Galego nos tempos da Reforma

Nesta Crónica memorialística que levamos desenvolvendo dende o pasado ano 2025 tomando como arranque ou inflexión Nadal do 1970 co proceso de Burgos contra os militantes da esquerda abertzale, examinados os movementos da oposición reformista e pactista estatal, nucleada esencialmente arredor do PCE de Santiago Carrillo e da Junta Democrática desde o verán de 1974, instalada en París, expreso o meu convencimento de que no único territorio onde fracasou a Reforma foi en Euskadi e parcialmente en territorios de Nafarroa. Vexamos agora sumariamente o caso galego. 

Nos primeiros sesenta creánse, cun intervalo de poucos meses, primeiro o PSG ( Partido Socialista Galego) liderado polo economista estructuralista e socialdemócrata na altura Xosé Manuel Beiras Torrado, despois a UPG ( Unión do Pobo Galego), partido marxista e anticolonial hacia o interior e xenericamente antiimperialista, creado na Ponte da Rocha, máis de dirección colectiva ca o PSG, máis unipersonalista. Entre os asistentes na Ponte da Rocha, Luís Soto, vido do Exilio en México, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez,  Maria Xosé Queizán, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Gonçales Blasco "Foz". O programa da UPG queda recollido nunha táboa de dez pontos, a UPG debatirase entre a conformación como partido, vangarda leninista, e o frontismo. Débese aclarar, no que atinxe ao PSG, que nos seus primeiros compases beilla na corda do piñeirismo, galeguismo non nacionalista con fortes resabios do anticomunismo da Guerra Fría. Daquela irá evoluindo ata a sinatura de documentos conxuntos coa UPG. O Beiras percorrerá a singldura no ronsel dos estructuralistas Perpiñá Grau ou Robert Lafont, especialistas en economía rexional. 

Xa nos setenta, arredor do 1975 - 1977, da UPG xurde a UPG Liña Proletaria e daí o Congreso Fundacional do Partido Galego do Proletariado na cidade de Vigo fronte a UPG "Patriótica dos coroneis", como o expresou o singularmente destacado escritor, patriota e comunista Xosé Luís Méndez Ferrín. Nas primeiras eleccións municipais do 79 nace en Vigo a Agrupación Electoral Galicia Ceibe, encabezada polo catedrático, de berce navarro, de Filosofía no Instituto Santa Irene de Vigo Leonides de Carlos y Ardanaz, na compaña de xentes da esquerda independentista viguesa,  como o economista Pousada Covelo, o traballador de ASCON Ricardo Castro Pereira, o matemático Rufo Pérez ou o mestre das letras Méndez Ferrín, entre moitos outros. Xentes do PGP foran noutras candidaturas noutros concellos, cito a Antom Arias Curto por Unidade Galega no Concello de Monforte de Lemos. Considero que o Partido Galego do Proletariado e Galicia Ceibe foron quen de retirarlle o velo tramposo á Reforma e as suas trapalladas. Coido tamén que o que representou o PGP e a Posición Soto, hoxe ten a sua plasmación no proxecto en marcha do Partido Comunista pola República Galega (  P. C. R. G.). 

Coetaneamente teño para min que a presenza na escea política galega da ANPG ( Asamblea Nacional Popular Galega)  no mes de Abril de 1975 supón o gran salto adiante, cuantitativo e cualitativo, do nacionalismo galego con base movilizadora, Na sua estrea en San Domingos de Bonaval no Día da Patria de 1975 percibimos aquel salto adiante que máis arriba comentamos e unha represión menos difusa, máis directa,que acadou a sua máis dramática e dorosa expresión no asasinato do patriota galego Moncho Reboiras o 12 de Agosto en Ferrol.

 Agora xa no 1976, após a morte de Franco, fai a sua presentación o Consello de Forzas Políticas Galegas, integrado polo Partido Galego Socialdemócrata, o Partido Socialista Galego e a Unión do Pobo Galego, con dous documentos, un máis económico, no que se presentan propostas a prol dos traballadores e camadas populares xunto a medidas de planificación económica e criazón dun sector público galego nas áreas de produción, distribución e sector financeiro e do creto, supoño que inspiradas no coetáneo e viciño exemplo da revolución dos cravos portuguesa de marcado carácter socializante e outras procedentes da tradición democrática galeguista ( cooperativismo no Partido Galeguista). O segundo documento da Plataforma é máis político e contén as bases constitucionais para un pacto confederal da Nación Galega e de Governo Provisorio Galego ( aquelo de Estatuto nunca máis. Bases Constitucionais ). Non entramos eiquí en detalles do seu contido polo feito de ter quedado no papel e impoñerse a Reforma prevista polas oligarquías políticas e económicas do tardofranquismo. Senón houbo Bases, pola base, o nacionalismo medraba co seu arraizamento no movemento obreiro co SOG ( Sindicato Obreiro Galego e outros de Sevizos, como Ensino, Banca e Sanidade), polo vizoso movemento asociativo cultural e por suposto pola defensa do idioma e da terra ( Castrelo, Encobras, Xove...). Xa coa posta e marcha da PreAutonomía co lobby Realidade Galega, A Rosaleda e o Grupo COREN Franqueira patroneando ao carón doutros cacicatos das Deputacións chegamos as primeiras eleccións da Autonomía nas que o BNPG acada uns inmerecidos e máis ben escasos resultados electorais que levan tres actas ao parlamentiño e aínda pior expulsos pola aplicación ilegal retroactiva dunha reforma do reglamento da Cámara que impuña xurar a Constitución Española ao que se negaron os do BNPG-PSG, Bautista Álvarez,, Lois Dieguez e Claudio López Garrido. Esta xeira conclúe para min coa volta de Xosé Manuel Beiras á tribuna política na Asamblea de Riazor, na Coruña, a finais de 1982, na que se reformula o nacionalismo galego cun senso máis institucional e pragmático para navegar polo novos tempos e non ficar excluídos das institucións. O BNG preséntase como a conclusión da unidade do nacionalismo.

 Ma Non Troppo


sábado, 14 de febrero de 2026

Taberna Pallares. Xeografía expandida

Para min corren os anos oitenta, arredor do ano 1984 por máis sinais, militaba no PC punto, nas fins de semana, unha pequena caravana de carros de camaradas e amigos, traballadores das fábricas viguesas e bisbarras, xuntamonos para falar do colectivo e entoar melodías e ritmos das nosas cantas tradicionais e outras de ida e volta dos caribes a carón dos himnos herdanza do acervo proletario.

 " La Tierra será de todos no habrá más que productores / se acabaron los señores que vivan sin trabajar / No quedará ningún pillo que viva de los demás" 

Polas rúas, ruelas e congostras das parroquias do antigo Concello agrarista de Lavadores ata as marxes litorais do efémero de Teis, pasando pola barriada ferroviaria de Canadelo ou San Lorenzo, ben ascendendo arracimadamente polas abas de San Xoán do Monte facendo parada e fonda na de Modesto cunha richada, carne ó caldeiro, as asonadas empanadillas cunhas cunca de viño de fresa co picor refrescante na gorxa da uva catalá. Pista ao fondo para xogar petanca ou chave. Entrega das novas de Nuevo Rumbo a cdas, achegados e amigos.

 Subimos para descender por Fuente Oscura con nova estación para degustar caracois cunha salsa intensa de guindilla, chourizo e xamón, a man esquerda na pronunciada baixada o lavadoiro e por fin Ramón Nieto. Cruzamos para onde hoxe se atopa Martínez Garrido. 

Tamén cruzamos os anos coma un lóstrego. E vimos dos oitenta para o presente 2026, Febreiro. Estamos adentrandonos na barriada do Calvario, damos no Camiño de Medeiros número dous, casa de pedra, no baixo unha placa de bronce que indica: " Taberna Pallares 1971". Con anterioridade xa houber unha tasca innomeada con chá de cemento e unhas táboas onda pousar as cuncas.

 Polo 1971 chegan da Golada Manuel Pallares e Odila Fociños. Manuel leva o trato dos viños, Odila ponse nos fogóns, o local fora reformado con bo criterio. Da cociña do Pallares teño disfroitado de tapas tan saborosas coma rils, fígado encebolado, ovas de pescada, por algúns chamadas bragadas, xamón asado, tortilla de pataca e quiexo de tetilla con marmelo.

 No 2009 falece Odila, por ese ano retorno das Illas Canarias, volto ocasionalmente ao Pallares, ao fronte atopo ao seu fillo Abel, os arrecendos de antano e o bo paladar manteñense. Nos próximos días teremos unha cita de amigos de 45 Anos Aló ou máis, para min hoxendía ninguén merez o crédito da amizade senón cumpre o requisito mínimo de atesourar alomenos catro décadas de antigüidade de perseverancia e lealdade. Nesta semá darémoslle a bemvinda ao Entrudo 2026 na Taberna Pallares. 

Na despedida quero ter un recordo saudoso á harmónica do pai dos Pitucos da Roda polo Río Mao doutra banda da actual Peatonal, espazo mítico coido que extinto e exbranco tamén nunha xeografía profundamente alterada. Asimesmo  recomendo outravolta o libro de Salvador Beloso Arenosa " Vigo. Sus Tabernas Actuales", que xa vai pola segunda edición.