martes, 15 de diciembre de 2020

Os Rosendo e América

É ben sabido que o porto de Vigo foi unha espita cara a América, moitos barcos trasatlánticos de pasaxe doblaron as Illas Cíes pondo proa a inmensidade oceánica pola boca da ría viguesa. Navieras e consignatarias facían o seu negocio ao tempo que transportaban soños e daban traballo a unha numerosa tripulación. 

Tamén en terra na nosa cidade houbo xente traballando para facer posíbel emprender a aventura americana. Algúns probaran eles mesmos o exilio do país antes de se asentar antre nós.

Foi o caso dos irmáns Manuel e Emilio Rosendo que entre os anos 1947 a 1958 rexentan o Bar Bouzas, no número 6 da Rúa Ferrería. Ámbolos dous pasaron pola experiencia migratoria, no caso de Manuel na Arxentina e na Habana e o seu irmán Emilio traballara nunha carbonaría na Baixa lisboeta.

A orixe dos Rosendo sitúase no val de Avión, nas terras ourensáns de nacimento do río Avia. 

O bar Bouzas tiña bos tintos do Ribeiro e brancos do Condado. O nome puxérallo a clientela pola presenza destacada de parroquianos dese burgo ou vila viguesa. Outra clientela cotiá eran traballadores de FENOSA, da aseguradora La Fe, prósima ao bar ou empregados de CASAMAR. 

O Bouzas, parecía unha feira, en expresión de Fernando Rosendo, fillo de Emilio. Empanadas, cocido, empanadillas e callos os sábados. Na cociña, Preciosa e Asunción. Tamén o Bouzas servía de fonda para aqueles que agardaban barco para América, mentres se lles xestionaba o embarque. 

Unha das navieras que regularmente cubría as liñas de pasaxe naqueles tempos era Líneas Marítimas Españolas, coñecida internacionalmente como Spanish Line e máis familiarmente como La Compañia. CONTRASA , en Montero Ríos, era a consignataria que operaba estes barcos, non só no porto de Vigo senón tamén no da Coruña, onde tiñan delegación no Paseo da Mariña, sendo Vigo a base de CONTRASA. Ahi traballaba o meu pai, Juan Rodríguez. Moitas veces de cativo subín a eses barcos e tratei a xentes da tripulación, algún deles parentes cercanos. O Monserrat, O Covadonga, O Guadalupe, O Begoña, todos eles con nome de virxes, deixaron fonda pegada na baía viguesa, recordos indelebles de historias da nosa emigracion. 

Os Rosendo, traballaron moito durante aqueles anos que citamos coa Compañia, en relación frecuente como meu pai Juan. Nos sesenta e setenta esmorecen estes movementos cara a América e colle moita forza a emigración cara a Europa. O Bouzas da man dos Rosendo remata no ano 1958. 

Nembargantes terán un epílogo na Falperra entre os anos 58-65 co Bar Hermida, a carón do Bar Luneda. No Hermida a clientela era moi do clube de fútbol o Peñasco. Anos máis tarde, xa no 75, Raúl retornado de París, abrirá O Orly, onde se axuntarán xentes do mundo arbitral e do adestramento futbolero. Xa na esquina de Falperra co Calexón das Angustias, por aqueles mesmos anos, a de Armando co seu reservado e as exquisitas empanadas de salmón.

 O bar Bouzas, xa fora das mans dos Rosendo, nos setenta, repartirá un importante premio na lotaría do Nadal. 

Neses anos péchase o ciclo que vencella o mundo da emigración americana, a inmigración interior de Ourense a Vigo, o porto e algúns establecementos de condumio e aloxamento de servicio á estadía das xentes que agardaban marchar.

 Parellamente con estas liñas féchase tamén o retrato dos Rosendo, unha familia do Ribeiro, que coma outras de semellante procedencia contribuiron ó dinanismo da nosa cidade en tempos de posguerra e autarquía, vendo no porto unha grande portunidade, unha fiestra fronte ao inmenso Atlántico.