lunes, 24 de mayo de 2021

Freixeiro. Bar Frontón.

De regreso a estes lares de Freixeiro, por máis sinais na Pastora, fago memoria do que foi o bar tenda do Elías e Marina, tamén coñecido como Bar Frontón, desaparecido no remate dos oitenta, onde hoxe a chocolatería Que Churros. 

Botou a andar na metade dos cincuenta e os máis vellos recordan a sona das botellas de viño do Condado que Elías ía procurar As Neves, acompañadas de xamón, chourizos e unhas galletas de pan, que así lle chamaban. Aí fixeron lugar de encontros a Peña dos Teixugos, que empregaban un comedor do espazo privado do bar para os seus condumios, tal me conta Elías fillo. 

Así tamén me conta dun home que con vasoira de xestas limpaba os frontóns que se extendían antre frondosos eucaliptos de gran porte contra os muros do instituto Santa Irene dende os predios do Carmen. Éste tiña por nome Esteban e un busto de homenaxe, situado enriba dunha neveira surtida con xeo que non producía, agasallabao. 

Os domingos o bar tenda Frontón botaba unha cortiniña e traballaba só como bar. Ata o ano 71 en que pecha como tenda e pasa a bar deica o derradeiro peche.

 É a finais dos setenta que aparecemos nós e o espazo ao servicio público compoñenno dúas mesas longas con dous bancos corridos cadansúa. Alí matamos horas de troula, tempo de xuventude e lecer, que se esvaen no decorrer dos anos.

 Vaian estas liñas ao rescate do tempo ido e co meu agradecemento a Ana e Elías, fillos de Elías e Marina e de todos aqueles que poboaron os bares e encheron cos seus chíos canoros as tabernas.