sábado, 26 de junio de 2021

Encamiñando a Fene

Para min dicir Fene é dicir Xosé María Rivera Arnoso, a quen os veciños alcuman agarimosamente Pepe. Encamiñados a Fene co propósito de manter un faladoiro na compaña de Fernando Rosendo. A nosa saída de Vigo transcorre nun día soalleiro ben diferente doutro que me levara de retorno de Fuerteventura a Fene no 2005, tras unha visita que nos dera o alcalde á Illa Maxorata.

 Por aquel tempo, hai 16 anos, mantivera encontros coa corporación, Radio Fene e EMUGA, onde fun presentado a Quique Sanfiz, acudirá ao Museu do Humor de Fene ou xuntárame coa asociación O Pote de Maniños. Tamén paseamos as rúas e as xentes saudaban ao paso do alcalde a quen chamaban familiarmente Pepe, dende os cativos aos vellos, sen formalismos, nun trato directo. O mesmo acontecera nas terras canarias ou no avión de volta para Galicia.

 Transcorridos dezaseis anos, o retorno a Fene ten por motivo concretar algunhas preguntas e respostas para ser incluídas nun libro xornalistíco baseado no xénero da entrevista, en formato radiofónico, que practicará nas emisións dos programas Troula, Trisquel e Ultreia, ao longo da primeira década do presente século en Fuerteventura. 

Chegamos desta vez a Fene, Rosendo e máis eu, e no transcorrer dun xantar en Casa Raquel, na parroquia de Magalofes, coma outrora fora no Muíño do Vento, departimos con Pepe, e fun obtendo as respostas precisas. Dicir que Xosé María Rivera Arnoso, o incombustible alcalde de case tres décadas, ten unha robusta memoria, coa que se poden tecer os fíos do tapiz da historia colectiva das parroquias, concello e bisbarra, mesmo da Galiza. 

Co devalar da clepsidra das horas fomos póndelle nome a sustancia das nosas vivencias parrilladas. Quixera ancorar naquelas partes da fluencia discursiva onde caíron os acentos da reflexión encol do municipalismo. Aí, dous veteranos das tarefas e loitas nos concellos, Fernando Rosendo no concello de Avión e na comarca do Ribeiro, cruzaron as suas vivencias e arelas de futuro.

 Cumprido o obxectivo da entrevista e rematado o bo  xantar de parrillada de peixes e saborosas ameixas, nécoras e zamburiñas do Restaurante Raquel, demos visita ao bosque variado de numerosas especies exóticas na casa indiana de Pepe Rivera Arnoso, onde despregou saberes enciclopédica de materia botánica mesmo nomeando coas designaciones científicas cada unha das especies que nos amosou e ficaron centos, quizáis milleiros, por ver. 

Sexa para a ocasión da presentación do libro en Fene. Despedímonos amicalmente ata a chegada de novas xornadas de encontro encentando camiño cara ás terras compostelás e viguesas. Vigo con Ferrol...Terra, berrábamos naquelas xornadas históricas do setenta e dous proletario.