domingo, 30 de julio de 2023

1986: EU e Plataforma Galeguista

Topámonos ás portas do verán de 1986, diante dunhas eleccións xerais para o mes de xuño convocadas por Felipe González, momento fundacional de Izquierda Unida.

 Como pano de fondo para o espazo comunista estatal, ou tamén chamado federal, a sua recomposición nunha fronte electoral e a campaña pola saída da OTAN ( con resultados adversos), onde nos metera o goberno Calvo Sotelo da UCD no 1981 e da que o goberno do PSOE de saída tampouco. 

No que atinxe á Galiza e máis puntualmente á circunscrición de Pontevedra e Vigo a candidatura adopta a denominación legal de " Plataforma Galeguista e da Esquerda Unida", encabezada por Castro Ratón ( Partido Galeguista), Xesús Culebras ( Partido Comunista do Povo Galego) e Carlos Barros (Partidor Comunista de Galicia). A presentación fixérase no Hotel Ciudad de Vigo con nutrida asistencia. 

Engadir que outras forzas políticas de menor entidade compuxeran esta coaligazón : Partido Humanista, moi animosos, Partido Carlista e Federación Progresista, de Ramón Tamames, que contaba na cidade viguesa coa simpatía do arquitecto Xosé Bar Boo. 

A xornada máis destacada da campaña contara coa presencia de Marcelino Camacho en Vigo: unha visita a factoría Citroën á saída do turno de mañan, que contou co agarimo dos traballadores de calquera tendencia sindical, falándolles como vello traballador metalúrxico da Perkins. Á tardiña mitin de Marcelino no Tamberlick, acto dos que eu teña asistido seguramente o máis emotivo, ateigado e vibrante. Nembargantes non se obtivo deputado, claro que o vello loitador da Perkins non se presentaba en circunscrición nengunha galega. 

Pasaron as xerais do 86 e a Plataforma pasou tamén coas eleccións, fican por algún tempo na bisbarra de Vigo duas comisións comarcais alcumadas, política e municipal, esta última para enfrontar ás munipas do ano seguinte, o 87. Vánselle dando forma a uns denominados consellos de barrio de Esquerda Unida e téntase facelo mesmo a nível de empresas, sen moito suceso. 

As duas cuestións de fondo sinaladas máis arriba : a saída da OTAN perdida, aí nos manteñen ; da un unidade e reconstrución comunista nen se fala; da plurinacionalidade do Estado que pretendía a incorporación do Partido Galeguista á Plataforma, se cadra menos.

 Trinta e sete anos transcorridos, 2023, non poucos galegos, mutatis mutandis, voltan confiar en fórmulas electorais parcialmente e remotamente herdeiras destas que comentamos. Suma e segue...