sábado, 16 de agosto de 2025

Accións Antirrepresivas

No contexto desta xeira á que darei cimo na altura do ano 1986, encetada en París no 1975, non lineal, senón con avanzos e retrocesos no eixo diacrónico, non estrictamente secuenciados, fago parada e fonda no vademécum ou segunda biblia do nacionalismo galego, após o Sempre en Galiza, o monumental libro de Luís Gonçales Blasco " Foz", " A política e a organizaçom exterior da UPG ( 1964- 1986 )". Edicións Laiovento. 2012, livro que debera ser de obligada lectura nos liceus. Senón, ao tempo.

 Recordar que nestas miñas crónicas considero, por riba doutras, tres estructuras operativas sobranceiras : PCE (  carrillista), PCE ( m-l )-(FRAP), UPG. Engado unha coda, o MLNV e o seu operativo de vangarda, que se cadra, era a transversalidade própria do movemento antirrepresivo.

 Poñámonos no capíduo séptimo, páxina 773 e seguintes, falamos, en diálogo con Foz, na sua cordial compaña. 

Estes movementos, non sempre rigurosamente antirrepresivos, tamén de solidariedade coas loitas libradas  no interior pola clase obreira e os povos do Estado, expoliados polas oligarquías. No parágrafo 7.1, non cito literalmente, máis ben trátase dunha remisión, para alentar ao lector desta columna á consulta directa do livro mencionado. 

A primeira oportunidade na que aparez a sinatura da UPG nunha declaración conxunta en París data do comezos de 1969, redactado en francés e hespañol. É un apelo para agir na semana do 21 ao 28 de Febreiro, baixo a proclama : ALTO A LA REPRESIÓN DEL ESTADO FRANQUISTA. Alén da UPG, asinaban USO, rexión de París, Acción Sindical de Trabajadores, Grupo de Emigrantes Revolucionarios, Acción Comunista, Agrupaciones Anarquistas, Juventud Comunista Ibérica (  POUM), Círculo de Estudios Populares e Movimiento Comunista Marxista Leninista de España. Como podemos ver unha miríada de grupos e grupellos, se cadra algúns efémeros e minúsculos, non así no caso da UPG. 

Deseguido imos dar paso a irrupción dun dos comités que acadou algunha transcendencia temporal, de maior estabilidade, mutado na sua denominación en Comités Unitarios Contra la Represión en España ( París, Marzal 1971), integrados, entre outros, polos CAR- Comités Antiimperialistas Revolucionarios, PCE ( m- l), Vanguardia Socialista ( o partido de Julio Álvarez del Vayo) e a UPG ( Unión do Povo Galego, sección exterior ). 

Queremos suxerir nunha pescuda avanzada a consulta dos Boletíns da APEP ( Agencia de Prensa España Popular). 

Para porlle remate a esta entrada, un fito a destacar no solo francés. En Febreiro de 1972 o Governo francés expulsa seis refuxiados políticos vascos, decisión respostada por catro militantes, Uribarri, Iriarte, Aracema e Sabases cunha greve de fome na eirexa de st. Lambert de París. A solidariedade antirrepresiva co povo basco será recurrente e unha centralidade nestes movementos, se ben comeza a verse unha certa atomización e implosión interna no seo da organización basca. 

Comentar finalmente que a cadencia dos mevementos reseñados acompaña os ciclos de movilización das loitas proletarias e populares cunha especial intensificación nos períodos de estados de excepción vixentes. As reivindicacións, mutatis mutandis, as mesmas, que teñen por epítome a completa liquidación do fascismo e a esixencia de responsabilidades políticas e criminais aos seus perpetradores.

 Cos anos teríamos a comprobación de novas lutas e estructuras antirrepresivas. No caso galego, XUGA, AFPG, CEIVAR e outras.

 XUR O'PONTILLÓN.