domingo, 22 de noviembre de 2020

Foz e Galiza coma Suxeito político

Teño nas miñas mans o enciclopédico libro de Luis Gonçales Blasco "Foz" encol da política e a organización exterior da UPG dende 1964 ata 1986. O libro foi editado por Laiovento no 2012 e supera as novecentas páxinas sob a normativa lingüística AGAL. 

Foz chegara a París en Outubro de 1968, empregádose tempo máis tarde na Editorial Ruedo Ibérico. Eu coñecino e tratéino a fináis do verán de 1975, mesmo paséi as datas de Nadal dese ano na súa casa, na banlieu de París, en Ivry sur Seine, na compaña de familiares e amigos, lonxe da terra, mais recreando a camaradería proscrita na Galiza territorial. 

O libro que nos ocupa ten diversas utilidades e requiréu dun grande e longo esforzo de xestación. Vai moi ben documentado gráficamente e tamén con anexos e índices que o completan. 

Imposíbel nestas liñas tentar dar conta destas novecentas páxinas nen tan sequer aproximadamente, naturalmente. Pero si podo destacar algunhas liñas ou utilidades. Vóuno facer decontado.

 A liña principal de interese que vou considerar desta obra é que sitúa a Galiza no contexto deses anos novamente nun cadro de Relacións Internacionais, en base aos contactos que se establecen principalmente con bretóns, irlandeses, bascos e cataláns, mais non só, pondo a Galiza coma suxeito político soberán con aspiracións de completo recoñecimento por outros iguais e ante terceiros.

 Esto terá a súa plasmación máis acaída na sinatura da Carta de Brest, da que se rinde contas sobranceiramente no libro. Entre os signatarios a UDB bretona, o Sinn Fein irlandés, Cymru Goch do País de Gales, Luita Occitana e a propria UPG, entre outras organizacións de esquerdas antiimperialistas. 

Outra relación tripartita reflectida no libro a constitúe a de UPG-ETA-PSAN(P), que remata no capítulo oito a exposición e recorrido da obra. Antecedentes e xénese destes dous momentos reseñados hai dabondo neste libro. 

E noutro marco temporal, neste eido do recoñecimento internacional reivindicativo do carácter nacional da Galiza tamén. Noutro chanzo dun nível moito máis universal e anterior, o respaldo que obtén pola Sociedade de Nacións, antecesora da ONU no período de entreguerras, ou pola Komintern. 

En resumo, a aceptación de Galicia na area internacional sempre estivo vencellada a cenarios antiimperialistas e descolonizadores.

 Finalmente, a lectura e consulta deste enorme relatorio, sera de proveito para os interesados nestas materias. A maiores, o libro de Foz ten o valor engadido de que o autor tamén é actor do que relata e moitas son fontes primarias achegadas do proprio arquivo privado a produción desta magna obra. 

Esta parquísima recensión é tan só unha invitación á lectura paciente, mesmo parsimoniosa, que lle cumpre a traballo de tan dilatada e miuda exposición.