jueves, 12 de marzo de 2026

Juan Diego Riera , un dos nosos.

Nesta galería de espellos, nen cóncavos nen convexos, espellos da memoria simples, recortados contra o pano de fondo da fluencia do tempo, por veces arremuiñado, outras algo máis quedo, pausado, vaise debuxando a fasquía de vellos amigos e camaradas, daquela novos coma min.

Hoxe tócalle a quenda a un rapaz vído de terras mesetarias, das soalleiras Castelas, nomeadamente de Puertollano, arrivado a Vigo polo inverno do ano 1970, mes de Nadal. Juan Diego Riera era o terceiro dunha prole numerosa dunha ducia de imáns. O seu pai, enxeñeiro naval contratado para a construción dunhas plataformas petroleiras encargadas ó Asteleiro da Ría de Vigo Barreras. A sua nai, avogada con bufete en Madrid.

 Juan Diego Riera cursa os seus estudos de bacharelato no Instituto Nacional de Ensino Medio Santa Irene de Vigo. Eiquí Interpolo unha aclaración: O Santa Irene tivo dous emprazamentos, na Praza d'America, no bairro das Travesas, e outro no bairro de Coia provisoriamente, perto do cimeterio de Bouzas, nunha xeira que inicia no curso 1972- 1973. Eu chego no seguinte curso, o de 1973-1974, procedente dos Salesiáns para dar prosecució ós meus estudos nun quinto curso de letras, opción francés, única opción de língua estranxeira na altura no meu centro de orixe. O meu profesor de francés ao chegaren ao instituto chamábase Gregorio e contaba co apoio dun profesor nativo de nome Michel que nos facilitaba audicións de Georges Brassens, Georges Moustaki e outros. Non podía sospeitar o que me agardaba cando entrei pola porta da aula para dous anos máis tarde: o meu libro de estudos riscado con saña cos dous cursos anulados e un puntapé que me botaba fora, ben lonxe das miñas ilusións, daquela estudar filosofía na Universidade ou algunha filoloxía. Por camiños tortos algo desto probaría: a tertulia parisina dos presocráticos de Agustín García Calvo no Café da Boule d'Or e asistencia nalgunhas aulas de Vinçennes como alumno libre e mesmo matricularme na Fac de Filosofía en Compostela. Voltamos ao Santa Irene, xa no primeiro cuadrimestre do curso 1973- 1974, segundo tamén relata coincidentemente Juan Diego nunha colaboración por él asinada noutra parte deste libro, facemos contacto os irmáns Carlos e Gonzalo Meixide e máis eu con ele. Descontentos cos "peixes", os carrillistas, ficamos a espera de xestións vía Universidade de Santiago, por medio da sua irmá Susana, onda había un xérmolo trotsquista da Liga Comunista Revolucionaria. Polo Nadal dese 1973 nunha cita na Cafetaría Miramar no Paseo de Afonso, moi perto da Rúa de Santiago, onde eu vivía, daí o meu alcume de guerra, como dicíamos, Santiago, digo, na Cafetaría Miramar recibo un paquete de textos e propaganda da Liga, como xa reseño noutras entradas destes Distopías. Este é un punto de inflexión nas nosas relacións personais e grupais proxectadas políticamente. 

Mais non é este o vieiro que vou adoptar no desenvolvemento destas liñas senón as nosas actividades no estudantado de medias nas singulares condicións da clandestinidade fronte a un réxime opresor de xenealoxía fascista endurecido nas súas postrimerías, esclerotizado, lanzando zarpazos coas suas gadoupas nos estertores da sua crudel eisistennza. O ciclo biolóxico do ditador Franco se superpón co ciclo vital do seu réxime se ben o franquismo non remata con Franco e diso vai a chamada Transición, Transacción, Treizón. Nestes anos dos primeiros setenta volven as penas de morte e os mortos e feridos nas rúas. No caso galego moi sinaladamente os traballadores asasinados Daniel Niebla e Amador Rey no Ferrol no 10 de Marzal do 1972 ou Manuel Montenegro Simón en Vigo o primeiro de Maio de 1975. En Agosto de 1975 tamén tiroteado e asasinado Moncho Reboiras, militantes da UPG, nas rúas de Ferrol. O 27 de Setembro de 1975 executadas as penas de morte contra dous vigueses militantes do PCE ( m-l ) e FRAP, Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luís Sánchez Bravo, coñecidos nosos, xunto a Ramón García Sanz ( FRAP ) e dous militantes de ETA , Jon Paredes Manot e Ángel Otaegui. Neste contexto e retornando ao caso que nos ocupa, no Santa Irene desenvolveronse grandes mobilizacións, dentro e fora das aulas, lembramos aquelas asambleas masivas nos sotos lóbregos, mesmo sen pechar, na entrada principal a man esquerda, nas que a primeira reivindicación era o dereito  a eisistir, o dereito de asamblea, proscrito. Inesquecibles aqueles desaloxos polos corredores, coreando consignas democráticas camiño das anteditos asambleas con paradas diante da dirección do centro. Non só, saíamos ás rúas a manifestarnos polo noso, cortes de tráfico, coches atravesados, barricadas, enfrontamentos coa gristapo, en grupos máis reducidos, saltos, comandos, octavillas voandeiras, berros, carreiras, estoupido espallados pola cidade, duas vitenamitas operando no Pontillón - Freixeiro e outra de reserva custodiada por Manuel Campillo nun baixo propiedade da sua familia tamén polo bairro das Travesas, creando un eixo de continuidade Freixeiro, Travesas, Peniche. As veces, pola zona, en grupos máis reducidos, rúa Coruña abaixo, íamos ao encontro dos traballadores dos asteleiros de Beiramar.

Nos dous cursos 1973- 1974 e 1974- 1975 ao carón das máis xenéricas reivindicacións sociopolíticas de todo tipo nos enfocamos nun eixo mobilizador: a nosa frontal oposición a implementación da selectividade para o ingreso na Universidade, prevista na Ley General de Educación de 1970. Para trabar a argumentación me servira fundamentalmente dun libro de Ignacio Fernández de Castro, cofundador do FELIPE ( Frente de Liberación Popular ) que me pasara Pepe Ulloa da libraría A Esmorga. O plantexamento en esencia era a oposición a unha concepción e praxe elitista, clasista e reaccionaria do acceso á Universidade. " O fillo do obreiro á Universidade".A maiores dos contidos curriculares en moitos casos, acientíficos, precientíficos ou anticientíficos, por exemplo, a dominancia da escola aristotélica tomista nos estudos de Filosofía ou estudos que preterían tanto a língua galega como o coñecimento do feito nacional galego na sua totalidade excluído. As mobilizacións contra a selectividade xuntou a tódolo abano variopinto de organizacións no Santo Irene que era un microcosmos no que se atopaban representadas a práctica totalidade da clandestinidade. En cada intervención, cóbado con cóbado, se atopaba Juan Diego, en vangarda ou na trastenda movendo fíos. Eiquí tamén tería de falar, antre os nosos, de Carlos Meixide, Luís López Chantada ou novamente Manuel Campillo. Como figura senlleira naqueles combates de dous cursos Xosé Luís Ezama, conspicuo representante do carrillismo, intelixente e valente, de quen teño falado por extenso noutras páxinas deste libro. Xosé Luís Ezama pedeceu detención, golpes e maus tratos durante a celebración das primeiras probas de selectividade, provocando a solidariedade non só do Santa Irene senón dos demáis institutos de Vigo e doutros da Galiza.

Imos póndolle o ramo a este artigo. Juan Diego, chegado un día de Nadal de 1970 a nosa cidade viguesa desde Puertollano, marcha para Madrid no Outubro de 1981. Para os que militamos intensamente, deixando ben pouco para nós, naquel tempo de incertezas o rastro da sua memoria permaneceu intacto e agora, máis de 50 anos despóis recuperamos o contacto para estes apuntes. 

Quero poñer eiquí os nomes da miña profesora de Filosofía, Marilís Villamarín, do combativo sen desmaio Xosé Luís Méndez Ferrín, das alumnas Rita Pérez, filla do Profesor de Ciencias Cándido Pérez, curmá da miña nai, e Lucía Cid Cabido, coa que mantiven algunha longa conversa ao pouco chegarmos ao Santa Irene, en paseatas polo Parque de Castrelos. Quizáis recorde. A Javiera Caramés, Alberto Rufo, Rubén Pérez, Pascual Martín e Romón.