sábado, 13 de junio de 2026

La Esquina: Intersección de espazos e tempos transicionais.

Quedamos citados na Cafetería La Esquina, Avenida Castrelos, As Travesas, fronte ó Pavillón dos Deportes, unha xeografía humana moi familiar, evocadora daqueles tempos da discoteca e cervexería La Boa onde coñecín a miña veciña Katy, tamén próxima ao Monterrei , xa recordada, perto tamén do instituto Santa Irene, incubadora dos nosos soños revolucionarios feitos organización militante clandestina ( xa sabemos, as ideas sen organización esmorecen) nos primeiros setenta do pasado século.

 Entre os presentes: Rita Pérez, filla do profesor de Física e Química, o Ultreia Cándido Pérez, curmá da miña nai Beatriz Lidia, Lila; Enrique Parcero ( tíñao erroneamente por condiscípulo no instituto polo 73 - 75), Manuel Romón ( integrante que fora do grupo de comunicación poética Rompente, xunto con Antón Reixa, Alberto Avendaño e Alfonso Pexegueiro), Manuel Torres Fortes ( asiduo ás asambleas e ós desaloxos), César Pérez, fillo do profesor de Matemáticas Rufo Pérez, da promoción da militancia nacionalista dos oitenta no Santa Irene, inducido polo seu cuñado Parcero, e máis quen esto escribe e suscribe. 

O obxectivo deste encontro recordar que non acordar os cursos de 1973-1974 e 1974-1975 nos que coincidimos en Coia onda foran trasladadas as matrículas do Santa Irene nas Travesas, pecho por reformas. Recordamos, tamén falando telefónicamente estes días con Javier Caramés, que a potencia movilizadora de masas daquelas xornadas, tiña por bandeira a firme e rotunda oposición á implantación da selectividade, xa prevista na Ley General de Educación do ano 1970 e implementada polo ministro de Educación y Ciencia, Cruz Martínez Esteruelas. Algún cliché picou J. Caramés contra a Selectividade e por mudanzas democráticas na educación, no ensino, no país..clichés tecleados no cruzamento de Peniche nun lugar que non desvelo. Queda para os iniciados. A maiores ou como previos acompañaban as máis elementais demandas democráticas coma o dereito a celebrar asambleas sen tutela e o básico dereito de expresión, organización e representación do alumnado, denegado pola orde da delegación ministerial facha. Tamén na táboa reivindicativa aparecía o problema do transporte de VITRASA, xa daquela unha empresa negreira que obtiver a concesión da man do alcalde Portanet, home de talante autoritario con moi boas conexións na contorna do Pardo.

Nas seguintes liñas vou poñer en destaque a Rita Pérez, Antolín ( eiquí ábrese unha dúbida se o nome era Antolin), fillo do dono da céntrica Xoiería Antolín na Porta do Sol, infausta e prematuramente falecido segundo me informan neste encontro que reseño e as miñas relacións coa organización estudantil nacionalista ERGA. 

Pero antes quero lembrar a Eduardo Hernández Rua, coñecido como Yayo. No ano 1975 era alumno da Escola de Maxisterio da Igrexa en Vigo. Por aquel tempo Yayo militaba no grupo catalá de Jordi Solé Tura denominado Bandera Roja. Facendo un pouco de memoria Solé Tura e os seus escindidos do PSUC e retornados como Bandera Blanca acadarían un certo relevo na figura do seu máximo dirixente que chegou a ser ponente polo PCE na elaboración da Constitución Española de 1978, considerado un dos pais do réxime vixente. Ó marxe desta consideración, como fora, Yayo foi sancionado académicamente no 75 e promovemos movilizacións desde o ensino medio vigués. Xa matriculada Rita Pérez na Escola de Maxisterio, condiscípula de Yayo, destacou solidaria co seu compañeiros de Maxisterio. Eduardo Hernández Rua. Yayo sería máis adiante impulsor do grupo de teatro A Farándula, un fito cultural pioneiro, do tempo da Transición. Asimesmo no cruce dos Cboróns poría en marcha a Libraría Castelao xunto a Fernando Pereira, retornado do Uruguay, que chegaría a alcalde no Concello de Soutomaior. No trato que mantivemos coeles podemos dar creto da sua honestidade, valía e compromiso coa causa galega. 

De volta ao Santa Irene en Coia quero falar dos de ERGA, entendo que Rita Pérez, Torres Fortes e Romón, antre outros estarían a moverse arredor do nacionalismo, mais o meu trato orgánico con ERGA veu coa presentación que de si mesmo fixo o tal Antolin, se ben parez que o seu nome verdadeiro era Xosé Manuel, non trabucar con outro da Garda, tamén falecido coido que en accidente de moto, quen chegara a concelleiro na sua vila. Este Antolin co que eu tratei, o de Vigo, segundo parez coñecido co apelativo do neno, miúdo, pequeno, de ollos azuis intensos, serio, reservado, propúxome espallar LUME, órgano de ERGA, eu accedín. Por un Ensino Científico, Nacional e Popular. De acordo. Antolin, se fora o seu nome, viña acompañado de Ramón Giraldez e outro máis. Convocóume nalgunha ocasión na Asociación Cultural de Vigo e acudín, na rúa López de Neira, a carón do Cine Vigo, no acceso onde se exhibían os cadros dos filmes proxectados. Teño para min que este Antolin era o verdadeiro contacto de ERGA no noso instituto coa UPG, se el mesmo non era militante. Xa teño comentado dalgunha paseata e conversa extensas con Lucía Cid Cabido por aquel tempo. Bo recordo da súa aptitude e actitude que inscribo en coordenadas do nacionalismo galego. As relacións sempre foron cordiais e de respecto mutuo cos nacionalistas. Pouco tardaría o nacionalismo galego en medrar aceleradamente, sobor de todo a partires da creación da ANPG, nese ano 1975, mes de abril. Penso. 

domingo, 7 de junio de 2026

Eloy Arza: Xenebra-Vigo

No que fora o Bodegón na rúa de Santiago en Vigo Eloy Arza fai a sua primeira incursión na hostalería cando botaba a camiñar a década dos oitenta. Colle o traspaso do negocio e chanta unha grande bandeira galega e dende un bar da Rúa concita xentes variada de dentro e fóra daquelas lindes, doutros eidos e parroquias da cidade, imprimíndolle tamén, se cadra, un xiro ideolóxico á esquerda, debido a sua personalidade, sen descoidar viños e viandas, anovando e pulando a oferta gastronómica da man da sua dona Carmen Parracia Sobrino. Aquelo de poñer a bandeira parecía invocar un trémolo programático ( pequeno tsunami nas augas estiñadas e toldas con cheiro a reseso franquista que poidera quedar no ambiente) cando todavía oficiosamente eramos preautonomía disputada polo neocentralismo madrileños e dos coruños e amencían gromos do soberanismo que medraba e concibía o autonomismo máis unha concesión que conquista. Naquela Rúa de Santiago, que eu chamei a dos catorce bares, a presenza do Bodegón de Arza tornouse referencial na cidade. 

Eran os anos 1981 ata o ano 1986. Ás portas do Bodegón por eses anos fixérase unha morte con escopeta, cal lupara siciliana, por uns corniños que ferían a testa orgullosa dun proxeneta. Este foi o rumor, o runrun que circulara, feito moi acaído para detonar coma os disparos unha noveliña de serie negra, incentivada pola cercanía do bairro chinés e pola presenza dalgúns da clientela pro chinos ou máis ben pro bairro chino.

 Eloy Arza abandona a Rúa de Santiago para mudar á Rotonda de Álvaro Cunqueiro, por fronte das casas dos suboficiais do exército, sitas na Avenida das Camelias. O nome do novo local Mesón Arza, xa moito máis adicado ao bo xantar cunha oferta ampla e variada de pratos e viños. Era polos anos 1986 - 1987. A clientela era abigarrada, heteróclita, sobor de todo á hora da partida de naipes e dominó. Tantas horas na compaña de Vidal Villaverde e tutti quanti libando do eternal copo. Nese tempo finaba o primeiro mandato de Felipe González, Vigo levaba anos convulsionando pola reconversión naval, " A crise naval que a pague o Capital", berraban os obreiros. No Referéndum pola pertenza á OTAN, estivemos xuntos polo NON. Coa entrada na CEE de España e Portugal no xaneiro de 1986 e posterior convocatoria de eleccións ao Parlamento Europeu no oitenta e sete apoiamos a candidatura de Txema Montero de Herri Batasuna, os comités de apoio pecharon a campaña no cine Fraga coa intervención de Mariano Abalo do PCLN. Eloy Arza, outros, eu mesmo quixemos unha Ruptura Democrática e non esta trapallada. 

Como remate destas letras engadir coma breve apunte biográfico que Eloy Arza é de orixe euskaldun, das guipuscuanas terras tolosanas, criado nos eidos lucenses de Samos na viciñanza do mosteiro bieito, dos frades pretos do camiño franco a San Xacobe, que ben puido arrancar na Rue Saint-Jacob de París pola contorna do Quartier Latin do sapiente escéptico, zamorano Agustín García Calvo. Ese París de outono de 1975 dos comboios, procedentes quizais de Xenebra, pintados os seus vagóns cos letreiros " Franco Assassin" con destino a Hendaya. Eiquí despido ao amigo e camarada euskarico-xenebrino- lucense - vigués Eloy Arza, testemuña activa dun tempo inconcluso. 

sábado, 6 de junio de 2026

A violencia política

A cerna, o miolo máis cru de calquera debate político serio é a discusión encol da violencia como praxe política. Contra as aperiencias non é doado establecer a convención sobre que sexa violencia. Alguén dirá sen máis que é a forza bruta mais non é asunto tan sinxelo de despachar. Como veremos nas teorías máis conservadoras do contractualismo e tamén a máis acreditada, a hobbesiana do Estado como Leviatán, a Gran Serpe, o Estado orixínase no suposto pesimista antropolóxico do homo hominis lupus, dun caos primixenio. 

O Estado nese suposto pasa a organizarse como ente ou ser de violencia superior, maior, lexitimada, monopolista, órgano de coerción, por riba das clases e individuos, dotado de leis e forza armada coa que impoñer. Calquera outra forza que se lle opoña será esmagada. A todo isto acompañará unha panoplia de violencias discursivas, culturais e simbólicas, habitualmente precedentes ao emprego da violencia extrema, cárcere, malleiras, morte.


Nos tempos da Reforma ou Transición Política que eiquí tratamos houbo un deseño de violencia estructural e institucional respostada pola movilización obreira e popular, os movementos de liberación nacional ( Euskadi, Galiza, Cataluña e Canarias), anarquistas, republicanos, hoxhistas, maoístas, trotsquistas, luxemburguistas e leninistas nun amplo abano de siglas. Tamén grupos autónomos anticapitalistas, autoxestionarios... Vou omitir siglas nesta ocasión pra non preterir involuntariamente a ninguén e porque xa apereceran citadas algunhas noutras entradas publicadas. Por contra non farei omisión das praxes violentas do Estado supostamente trasicional tardo franquista. 

É momento de subliñar que nos seus estertores finais, na sua agonía ( se esto foi así ), o Estado amosou a sua faciana máis tétrica e perversa, retornando aos seus momentos de lexitimación fundacional e funcional ( a guerra de 1936- 1939, A VIOLENCIA SUPRRMA, como lexitimación, morrer matando ), tornándose o ilusorio pacifismo dalgunhas esquerdas unha treizón. Coma ilustración contrastiva, mentres uns saían das cadeas cos indultos e amnistías parciais que deviron autoamnistía para os verdugos, esas mesmas cadeas enchíanse de loitadores consecuentes que non transaccionaban a Ruptura Democrática que tanto anceiabamos. Así as bandeiras da República, da Autodeterminación das Nacionalidades, da verdadeira Amnistía e do Movemento Obreiro ficaron en rexas mans, enfrontando ao Estado, ós grupos parapoliciais e os abertamente fascistas como Guerrilleros de Cristo Rey de Mariano Sánchez Covisa, Fuerza Nueva de Blas Piñar ou Batallón Vasco Español. A Reforma Política levouse adiante, como dicíamos máis arriba, co emprego da violencia abertamente institucional e encubertamente con tramas paralelas financiadas polo Estado, patentizando que a violencia, axiomática e empiricamente, é consustacial á textura e urdime estatal, á executoria do Poder político. 

No que atinxe á Reforma, agora é cousa de ir pondo e movendo pezas no taboleiro coma nunha partida de xadrez, tal que imos debullando ó longo destas publicacións.