O Estado nese suposto pasa a organizarse como ente ou ser de violencia superior, maior, lexitimada, monopolista, órgano de coerción, por riba das clases e individuos, dotado de leis e forza armada coa que impoñer. Calquera outra forza que se lle opoña será esmagada. A todo isto acompañará unha panoplia de violencias discursivas, culturais e simbólicas, habitualmente precedentes ao emprego da violencia extrema, cárcere, malleiras, morte.
Nos tempos da Reforma ou Transición Política que eiquí tratamos houbo un deseño de violencia estructural e institucional respostada pola movilización obreira e popular, os movementos de liberación nacional ( Euskadi Galiza, Cataluña e Canarias), anarquistas, republicanos, hoxhistas, maoístas, trotsquistas e leninistas nun amplo abano de siglas. Tamén grupos autónomos anticapitalistas, autoxestionarios... Vou omitir siglas nesta ocasión pra non preterir involuntariamente a ninguén e porque xa apereceran citadas algunhas noutras entradas publicadas. Por contra non farei omisión das praxes violentas do Estado supostamente trasicional tardo franquista.
É momento de subliñar que nos seus estertores finais, na sua agonía ( se esto foi así), o Estado amosou a sua faciana máis tétrica e perversa, retornando aos seus momentos de lexitimación fundacional e funcional ( a guerra de 1936- 1939, A VIOLENCIA SUPRRMA, como lexitimación, morrer matando ), tornándose o ilusorio pacifismo dalgunhas esquerdas unha treizón. Coma ilustración contrastiva, mentres uns saían das cadeas cos indultos e amnistía parciais que deviron autoamnistía para os verdugos, esas mesmas cadeas enchíanse de loitadores consecuentes que non transaccionaban a Ruptura Democrática que tanto anceiabamos. Así as bandeiras da República, da Autodeterminación das Nacionalidades, da verdadeira Amnistía e do Movemento Obreiro ficaron en rexas mans, enfrontando ao Estado, ós grupos parapoliciais e os abertamente fascistas como Guerrilleros de Cristo Rey de Mariano Sánchez Covisa, Fuerza Nueva de Blas Piñar ou Batallón Vasco Español. A Reforma Política levouse adiante, como dicíamos máis arriba, co emprego da violencia abertamente institucional e encubertamente con tramas paralelas financiadas polo Estado, patentizando que a violencia, axiomática e empiricamente, é consustacial á textura e urdime estatal, á executoria do Poder político. No referente á Reforma agora é cousa de ir pondo e movendo pezas no taboleiro coma nunha partida de xadrez como imos debullando ó longo destas publicacións.