domingo, 7 de junio de 2026

Eloy Arza: Xenebra-Vigo

No que fora o Bodegón na rúa de Santiago en Vigo Eloy Arza fai a sua primeira incursión na hostalería cando botaba a camiñar a década dos oitenta. Colle o traspaso do negocio e chanta unha grande bandeira galega e dende un bar da Rúa concita xentes variada de dentro e fóra daquelas lindes, doutros eidos e parroquias da cidade, imprimíndolle tamén, se cadra, un xiro ideolóxico á esquerda, debido a sua personalidade, sen descoidar viños e viandas, anovando e pulando a oferta gastronómica da man da sua dona Carmen Parracia Sobrino. Aquelo de poñer a bandeira parecía invocar un trémolo programático ( pequeno tsunami nas augas estiñadas e toldas con cheiro a reseso franquista que poidera quedar no ambiente) cando todavía oficiosamente eramos preautonomía disputada polo neocentralismo madrileños e dos coruños e amencían gromos do soberanismo que medraba e concibía o autonomismo máis unha concesión que conquista. Naquela Rúa de Santiago, que eu chamei a dos catorce bares, a presenza do Bodegón de Arza tornouse referencial na cidade. 

Eran os anos 1981 ata o ano 1986. Ás portas do Bodegón por eses anos fixérase unha morte con escopeta, cal lupara siciliana, por uns corniños que ferían a testa orgullosa dun proxeneta. Este foi o rumor, o runrun que circulara, feito moi acaído para detonar coma os disparos unha noveliña de serie negra, incentivada pola cercanía do bairro chinés e pola presenza dalgúns da clientela pro chinos ou máis ben pro bairro chino. Eloy Arza abandona a Rúa de Santiago para mudar á Rotonda de Álvaro Cunqueiro, por fronte das casas dos suboficiais do exército, sitas na Avenida das Camelias. O nome do novo local Mesón Arza, xa moito máis adicado ao bo xantar cunha oferta ampla e variada de pratos e viños. Era polos anos 1986 - 1987. A clientela era abigarrada, heteróclita, sobor de todo á hora da partida de naipes e dominó. Tantas horas na compaña de Vidal Villaverde e tutti quanti libando do eternal copo. Nese tempo finaba o primeiro mandato de Felipe González, Vigo levaba anos convulsionando pola reconversión naval, " A crise naval que a pague o Capital", berraban os obreiros. No Referéndum pola pertenza á OTAN, estivemos xuntos polo NON. Coa entrada na CEE de España e Portugal no xaneiro de 1986 e posterior convocatoria de eleccións ao Parlamento Europeu no oitenta e sete apoiamos a candidatura de Txema Montero de Herri Batasuna, os comités de apoio pecharon a campaña no cine Fraga coa intervención de Mariano Abalo do PCLN. Eloy Arza, outros, eu mesmo quixemos unha Ruptura Democrática e non esta trapallada. 

Como remate destas letras engadir coma breve apunte biográfico que Eloy Arza é de orixe euskaldun, das guipuscuanas terras tolosanas, criado nos eidos lucenses de Samos na viciñanza do mosteiro bieito, dos frades pretos do camiño franco a San Xacobe, que ben puido arrancar na Rue Saint-Jacob de París pola contorna do Quartier Latin do sapiente escéptico, zamorano Agustín García Calvo. Ese París de outono de 1975 dos comboios, procedentes quizais de Xenebra, pintados os seus vagóns cos letreiros " Franco Assassin" con destino a Hendaya. Eiquí despido ao amigo e camarada euskarico-xenebrino- lucense - vigués Eloy Arza, testemuña activa dun tempo inconcluso.