martes, 21 de abril de 2026

Bestiario. Nêspera Editora.

Estivemos a pasada semá polo Café de Catro a Catro en Vigo no cerimonial da presentación dun libro primoroso, de exquisita factura e gratísima sensación táctil e visual, de Nêspera Editora. 

O libro é un Bestiario con textos de Vítor Vaqueiro, traducidos ao inglés, o libro é bilingüe galego - inglés, por Blanca Staton. A opción normativa empregada por Vitor Vaqueiro é a reintegrada, da que fixo defensa explícita no acto que reseñamos. 

As ilustracións ou pictogramas son da autoría de Ánxel Huete, a quen recordo daquelas exposicións colectivas do Grupo Atlántica polos setenta na Praza da Princesa.

 O formato da presentación do acto semellaba unha tertulia cultural nun plató televisivo, guiada pola xornalista Montse Montaos.

 Non é o meu propósito adentrarme no contido do libro nen como din hoxe facer spoiler. Todo o que saiba que é un Bestiario, escuetamente colección de entes fabulosos, lendarios, arraigados no volk, etnografía e antropoloxía, envolveitos polas Brétemas do Numinoso, saberá do que falamos. Estes eidos suxerentes dos misterios  do Alén non só abranguen figuras de insólitas anatomías híbridas senón tamén crenzas psicoactivas, presentadas como vivenciadas en primeira persoa, existenciais, por elo quizais a tipoloxía do pictograma, abstracta, devenga máis acaída ao caso.

 Teorizacións e pescudas subxacentes ao carácter multiforme e proteico, tamén comparativista, destes mundos e subrexións aéreas, acuáticas e de terra, ligadas aos elementais, podémolos atopar na obra do rumano Mircea Eliade. Agora me ven á cachola a lectura de Imágenes e Símbolos, coido que publicado por Taurus, cito de memoria. 

Sendo pasado mañá, 23 de Abril, o Día Internacional do Libro e tamén San Xurxo, asociado a figura da Coca ou Dragón, é boa ocasión para a merca e lectura do presente libro, Bestiario. 

E máis nesta edición : Vítor Vaqueiro, Ánxel Huete, Blanca Staton, Nêspera Editora, Póker de Ases. E con Montse Montaos, Repoker. Foi no De Catro. Vigo. Tamén na Compaña Non Sancta de Manuel Campillo.