Camilo Nogueira desempeñou un importante cargo como enxeñeiro na fábrica de vehículos Citroën na Zona Franca en Balaídos. Cando chegan as folgas do ano 1972, que culminan no gran paro xeral de setembro, Camilo toma partido polos traballadores, o que daría na creación do POGA ( Partido Obreiro Galego) nos tempos máis maduros da Transición. Polo camiño inspirador do Colectivo Galiza Socialista, militante da UPG e ANPG ( Asamblea Nacional - Popular Galega) para dar na creación de Esquerda Galega nos anos oitenta.
Recordamos un mitin con Esquerda Galega nunhas eleccións xerais no Teatro García Barbón en Vigo, acompañado de Manolo Janeiro, César Cunqueiro, María Xosé Porteiro e outros. Rigor e oratoria comedida sen histrionismos nen hiperventilación, sobriedade conforme a sua personalidade, datos moi ben traídos acompañados da sua explicación, convencido e convincente.
Tamén recordámolo como concelleiro en Vigo acompañado dunha potente escudería, entre os que recordo a Suso Costas e Ana Gandón, facéndolle unha oposición rigorosa e fiscalizando ao goberno do PSOE de Manuel Soto Ferreiro. Tivo en xaque ao goberno municipal dándolle mate a Soto, forzando a sua dimisión a comenzos dos noventa, situando na alcaldía a Carlos González Príncipe. Cando abandona a política municipal e superado o tempo de Esquerda Galega desde a cal tivo unha brillante laboura parlamentar que merecería ser glosada in extenso, fructífera tamén pedagóxica, cabe consultar a Suso de Toro, alomenos nun libro de conversas con C. Nogueira.
O que representou Camilo Nogueira no tempo da Transición na Galiza, destacadamente desde finais dos anos sesenta, setenta e oitenta foi un sentido pragmático, posibilista, flexible e honesto de facer política, mais cumpre sinalar que sen desistir un ápice no camiño das arelas do recoñecimento nacional e da sua plasmación na plena soberanía. Para artellar isto cuestiona o frontismo e o resistencialismo e desplegar unha incesante actividade, moi ben acompañado na nosa cidade viguesa por Fernando Martínez Randulfe, a quen lle fixemos homenaxe multitudinario xunto coa sua muller Elvira Landín, hai algúns anos, no Sanatorio do Alba.
Andando o tempo, cando deixa o Parlamento Galego, Nogueira dará no BNG e será eurodeputado. Vou subliñar só o papel que desempeñou, acompañado da que hoxe é magnífica eirodeputada Ana Miranda, canda o desastre do petroleiro Prestige na comisión de seguridade marítima do P. E. denunciando e propoñendo. Xa en Fuerteventura a Asociación Sociocultural Alexandre Bóveda FTV, que eu tiven a honra en presidir, en colaboración coa consellería de Medio Ambiente do Cabildo de FTV, presidida polo conselleiro Lázaro Cabrera, convidamos á Illa Maxorata ao noso eurodeputado acompañado da sua dona nun mes de novembro, aniversario do afundimento. Desplegamos un extenso e intenso programa de actividades, tomoulle o pulso a nosa emigración, destacando un acto desenvolvido na Biblioteca Insular, no que por parte galega intervimos Manuel dos Santos Piña e máis eu. Cando nos despedimos no peirao de Corralejo onde collían o barco da Compañía Armas, cruzando o Estreito da Bocana para Playa Blanca, agasallóume cun libro de Historia de Galicia da sua autoría cunha fermosa dedicatoria. Aínda nos veríamos nunha homenaxe no primeiro cabodano Rufo Pérez no Paraninfo do Instituto Santa Irene de Vigo, que eu mesmo presentara, a carón de persoeiros tan Ilustres como Xosé Luís Méndez Ferrín, Víctor Freixanes, Uxío Breogán Dieguez- Cequiel, os poetas Manuel Vidal Villaverde e algún máis. Neste acto Camilo falou en calidade de amigo, camarada e exalumno de Rufo, afondando na dimensión docente, científica, humana e política de Rufo, tracexando o itinerario da institución desde a sua fundación polos anos corenta.
Eis o Camilo Nogueira historiador e facendo historia, aí a chave do seu compromiso que non cesa.