Aclarar que na casa dos meus pais non se adoitaba falar decote galego, ao contrario, a pesares de seren os meus pais e a miña xinea galega. Agás a miña avoa paterna, iletrada e semianalfabeta, doutra banda do mare, morracense por máis sinais de Meira ( Moaña) , da praia, que canda se alporizaba facía un retorno tumultuario ás orixes e abandoaba as formas melifluas da cidade.
O segundo chanzo, na escola dos salesianos, o galego prácticamente língua proscrita, aldraxada e nen tan sequer minorizada ou relegada. Para ilustrar a situación ven ó caso traer á memoria unha clase de lingua e literatura española, no libro de texto unha lección adicada ao romanticismo español na que aparecían as figuras de Gustavo Adolfo Becqer e Rosalía de Castro, por esta orde. O cura salesiano en funcións docentes, madrileño por máis sinais, alcumado Michi, fixo escarnio de Rosalía, sen facer desleixo da sua pretensa condición de chorimiqueira.
Outro escalón desgaleguizado, o barrio, o meu contexto social, alén de familia e escola. Dabondo teño publicado da Rúa de Santiago e a sua contorna, o chamado Vigo Vello. A miña cata nos bares, aos que de neno entraba fuxidíamente na procura do meu pai para a cea ou para algún recado da miña nai, topaba cos compañeiros de mus e dominó do meu proxenitor. Jericó, Perfecto e algún máis, xentes de mar, patróns de pesca, algúns deles. Gustosamente arrenegaban do galego cando non empregaban un castrapo léxicamte adocenado, con fonética seseante e gheada ( esta si apropiada a variante dialectal da nosa Ría) ás veces autoparodiándose.
Por fin chego ao instituto. O meu compromiso crecente coa lingua vén da man do inicio da miña militancia política no ano 1973. As manifestacións públicas en asambleas, pintadas e panfletos viran cara ao galego. Mesmo fora de horario lectivo á tardiña ou noitiña, unhas clases extracurriculares no curso 74-75 que impartiu Ogando, non estou certo se xesuíta, por mediación do secretario Rufo Pérez e o xefe de estudos, Evaristo de Sela. Como libros de apoio, o Galego Un do ILGA, a Gramática Elemental do Carballo Calero e Vocabulario de X. L. Franco Grande. Apenas asistencia ao punto de que se suspenderan, a pesares de ser unha reivindicación da táboa de esixencias do estudando.
Na miña experiencia persoal língua e militancia política naqueles anos resultou indisociable. No contexto daqueles anos xorde a polémica sociolingüística entre Francisco Rodríguez Sánchez ( Unión do Pobo Galego) e Xesús Alonso Montero (Partido Comunista de Galicia ) encol da lingua galega e o seu futuro, dándolle voltas ao concepto de diglosia.
De remates vou dar noticia da miña primeira asistencia á celebración das letras galegas. Foi no ano 1974, adicado a Xoán Vicente Viqueira, nado en Madrid, autor vencellado á ILE ( Institución Libre de Enseñanza), morto en Bergondo no 1924 prematuramente aos 37 anos. Eu asistira con outros compañeiros do instituto e falara Xosé Luís Méndez Ferrín no auditorio da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, na Rúa Marqués de Valadares, na entrada figuraba un cartel que puña " Entrada según Aforo". Amoreados na espera ás portas berrábamos chamando polo Aforo, apurándolle que abrira as portas. Unha ves dentro escoitar a Ferrín, fora unha ledicia escoitalo pola contundencia da sua expresión e pola sua claridade, a maiores do seus detallados coñecimento. Ficaba claro que o problema do galego é un problema político e así sego a pensar eu. O verdadeiramente problemático é con que medidas políticas abordalo e con que marco institucional. Penso que xa daquela Méndez Ferrín apuntaba a un futuro nidiamente soberanista ( independentista) e desde logo trascendente do folclorismo e ritualismo dun só día ao ano. Tamén o compromiso coa praxe cotiá do emprego escrito e oral do idioma, un compromiso, mesmo obriga ineludible.
No 74 estamos no limiar dunha dicotomía Reforma / Ruptura moi pelexada e incerta, espiñenta, cunha correlación de forzas que resultou adversa para os que pugnabamos e pulabamos pola Ruptura. A situación sociolingüística e normativa do galego trae causa en grande medida daqueles tempos da que resultou a imperante Reforma, plasmada na todavía vixente CE/78.
Nembargantes, ano 2026, a loita continúa.