Vindo agora a nosa crónica, non debemos esquecer no tempo da Transición a importancia da sua veciñanza co Sahara Occidental e na altura do 1975 a coñecida como marcha verde ( un fito da Transición), anexión de facto do territorio a Marrocos e subsecuente evacuación do Tercio de Extranjeros ( la Legión) a Fuerteventura, onda vivín con residencia arredor de oito anos desenvolvendo actividades públicas e radiofónicas ( consultar o libro Tagoror Radiofónico) o que me puxo en relación coas élites políticas e de opinión do momento. Esa evacuación precipitada, sen pegar un só tiro, non somentes trouxo a retirada militar, senón tamén a saída co posto de moitos canarios, maiormente majoreros, o que deixaría fonda pegada psicolóxica, sociolóxica e política na conciencia da poboación da Illa Maxorata, destacadamente patentizada na organización política Asamblea Majorera, denominada esguios por ser moitos os da Asamblea e ser o animaliño " ardilla" o pouco que puideron apañar do seu paso polo Sahara Occidental. A esta evacuación de xentes aplicóuselles a denominación de Operación Golondrina. Tamén algunha poboación saharauí puidemos topar anos máis tarde pola Illa con DNI español. Lembremos que os acordos tripartitos entre Madrid, Mauritania e Marrocos, que renderon as armas sen combate, foron unha peza estratéxica na reforma do réxime franquista para o réxime de democracia formal burguesa.
Agora botamos unha ollada a un libro editado nos tempos da Transición de autor canario e referido á represión nas illas, destacadamente a de Gran Canaria. Da represión desatada con posterioridade inmediata ao golpe do 36 da testimonio a novela Sima Jinamar, nome dun barranco, onde foron botados os corpos de numerosos frente populistas. A novela do xornalista José Luís Morales, ex militante do FRAP, a quen conocín en París por Vinçennes e no Quartier Latin no 75, leva un limiar de Agustín García Calvo, foi unha revelación da represión, exposta e publicada na Transición.
Xa na reconstrución da resistencia ao terror fascista nomear figuras senlleiras do axir político no arquipélago dende os cincuenta ata finais dos oitenta que abrangue case algo máis de tres décadas do pasado século: Cubillo e Sagaseta.
As emisións de Cubillo dende Radio Arxel, a sua estancia formativa na Patrice Lumumba en Moscova, segundo me teñen comentado, que o puxo en contacto con líderes africanistas, o atentado que sofreu ás portas da sua viaxe á Nova Iorque para falar da descolonización das Canarias ante a Asamblea Xeral da ONU e o seu liderato ao fronte do MPAIAC déronlle unha proxección senlleira dentro e fora das Illas. Cubillo deseñou a bandeira das sete estrelas verdes e foi lexicógrafo de guanchismos, navegou o ronsel de Secundino Delgado, patriota independentista canario transterrado a Cuba e doutros patriotas canarios. Estes feitos reseñados destacan contra o pano de fondo da Transición en Canarias e no Estado.
Outro xigante foi Fernando Sagaseta, con ascendencia en Nafarroa, destaca nos cincuenta pola defensa do teldense Juan García Suárez, apodado El Corredera, lexendario militante comunista, refuxiado en Agüimes, e tras longos anos de resistencia é ferido e detido un once de Maio de 1958. Sagaseta asume a defensa do Corredera xudicial e políticamente. O dezanove de Outubro de 1959 Juan Gómez Suárez, Corredera, resulta asasinado a Garrote Vil, convertíndose nun símbolo e lenda perdurable ata os nosos días. Sagaseta coñecerá os presidios do franquismo, tal o penal de Burgos, racha co carrillismo, e andando os anos militará en Canarias Libre, en Células Comunistas, se vencellerá a movementos sociais como os da zafra do tomate en Fuerteventura, onde ten unha praza adicada a sua memoria no barrio de Buena Vista, onda xuntámonos os galegos no bar Rías Baixas. Sagaseta, após a morte de Franco, na segunda lexislatura de 1979, obtén acta de deputado pola provincia oriental canaria ( Gran Canaria, Lanzarote e Fuerteventura) integrado na coalición Unión del Pueblo Canario, queda o recordo do seu enfrontamento co ministro de Defensa da UCD de Adolfo Suárez, xeneral Gutiérrez Mellado, pola presenza da Legión en Fuerteventura. Neses anos proxectouse políticamente no Estado pola sua oposición frontal á integración na OTAN, mesmo chegando a falar en Vigo no auditorio na casa do concello. Fernando Sagaseta foi un ardente defensor da Paz mundial. Destacar que no referendum do ano oitenta e seis en Canarias triunfou o NON Á OTAN. Foi tamén un destacado dirixente nos oitenta do Partido Comunista del Pueblo Canario y del PC punto, posteriormente denominado Partido Comunista de los Pueblos de España.
En síntese, as Canarias e o Sahara tiveron un peso importante na axenda da Transición, tendo difícil encaixe no puzzle deseñado polos franquistas, un dos territorios onde puido facer augas a política maniobrera da oligarquía. Paga a pena emprestarlle atención ás texturas e urdimes da sociedade canaria.
Canarias, un boquete no costado atlántico da Transición que nos impuxeron.