Máis perto, xentes de nós, as terras portuguesas, de cando o Miño lindaba con Macao. Eurasia contra as agullas do reloxio. Nefeuto " Portugal não é umha naçao pequena", dicía unha dica do colonialismo. E no seo do poder colonial portugués agroma e estoura o MFA ( Movemento das Forças Armadas) e desde a periferia liquida o réxime fascista da metrópole. O Povo é quem máis ordena. As notas de Grândola, un ecoar libertador. Trunfante o MFA eu simpaticei senlleiramente co COPCON e Otelo Saraiva de Carvalho. A propósito destes apuntes lembramos no setembro do 75 o asalto e incendio da embaixada española en Lisboa en protesta polos fusilamentos de Xosé Baena, Sánchez Bravo, García Sanz, Otaegui e Txiqui. O COPCON ( Comando Operativo do Continente) liderado por un Otelo estratega e garante da Revoluçao dos Cravos mantendo o control fronte aos reaccionarios, termidorianos e fascistas. Neses momentos hesitantes a figura de Otelo e os seus camardas foi rocha viva, peito de pedra contra o que bateu a oleaxe da contrarrevolución.
Desta outra beira do Miño nas vésperas das primeiras eleccións do 15 de xuño do 77 a Convención Republicana de los Pueblos de España tentaba un acto mitin de presentación a desenvolver non demasiado lonxe da fronteira, probablemente en Viana do Castelo, co apoio de organizacións da esquerda portuguesa. Na taberna A Viuda un pediatra de nome Celso dounos uns contactos na localidade de Matosinhos con xentes da UDP e do FRAP. Trouxemos uns cartaces, e superada algunha incidencia na alfándega de Tui conseguimos colar algúns pola rúas viguesas. Ata onde eu souben aquel acto previsto non chegou a ver a lus. O republicanismo abandonado e combatido por Santiago Carrillo non tiña doado atopar un vieiro entre as brétemas do tempo da Reforma. Chegados a este punto deixo eiquí estas liñas.
A miña reflexión final é que a revolución nacional-popular anticolonial acelera o camiño ás transformacións cara ao socialismo. E así foi en Portugal por algúns anos e cando tocou retroceder non foi sen resistencia, mesmo armada. A loita de clases e a loita antiimperialista camiñan da man. Calquera outra opción é un impasse histórico.