Eramos díscolos. Non tiñamos bo encaixe no pequeno mundo disciplinario, mesmo diría concentracinario, da milicia salesiana. Nos éramos nenos selváticos, asilvestrados antre a pequena colina do Campo de Granada ou Campo de Marte, guerrilleiro, e o Monte do Castro.
Desde o observatorio destas alturas ensoñabamos fazañas bélicas, diferente ás do coñecida banda deseñada daquel tempo, outeando a bocana da Ría, protexida polo arquipélago das Cíes e a peninsua do Morrazo.
De entre os compañeiros de xogos, aventuras e desventuras, un destacaba polo seu carácter decidido, entregué aos desafíos, pondo o listón alto, tamén nos compromisos, como máis adiante veremos. Eu axiña leveime ben con él e fixemos amizade. Unhas parentes súas, Mari Loli e Julita, máis ou menos tamén do meu tempo, facían porta con nós no mesmo andar do número sete da Rúa , fronte ao Tres Ventanas, segundo piso con galería con vistas a onde hoxe está ASEFAL, que daquela era un miradoiro, a droguería La Única, O Chafarís, fontana con varios canos máis estanque con peixiños de cores, parrulos, algunha gaivota, e por suposto a Oliveira, emblema vexetal da nosa cidade.
Xa polos anos sesenta empezara a circula unha expresión ameazante, intimidatoria para os veciños, de cando en vez, algúns axentes da policía municipal visitaban os domicilios coa palabra fatídica, " afectado", o barrio estaba afectado. A tradución deste vocábulo era a comunicación de que os veciños estaban condenados ao exilio, unha marcha forzosa dos seus fogares, as veces moi humildes. A causa manifesta era a construción da nova Casa do Concello, onde se atopaba o Castelo, hoxe quedan algunhas partes conservada, e a colina do Campo de Granada. A algúns iban lles ofrecendo a promesa da entrega dunhas chaves no polígono de Coia abrindo unha libreta na Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Nos primeiros setenta chegaron as máquinas e depósitos de explosivos para barrenar tanto granito.
A explanada diante da Cruz chamada dos caídos tiña por nome ó da División Azul, a Cruz estaba escoltada polas bandeiras, penduradas de mastros, de FET de las Jons e outra, hoxe rediviva, coas aspas de Borgoña sobre fondo branco, a bandeira das milicias do Requeté. Suso " Porriño", leal á República, como toda a súa familia, e máis eu, tentamos prenderlles lume. Non fomos quen. Eran grandes e pesadas e non prendían tan fácilmente.
Xa co inicio do derrubamento do Castelo, afortunadamente incompleto, organizados Porriño no FRAP, eu na LCR, proveemos uns zulos de propaganda clandestina e outros recursos, envolveitos nuns plásticos dos que se empregaban nos días de choiva para protexer a roupa ao clareo, pedras e ramallos, ao pé das obras. Cando nos detiveron por maio de 1975 eses materiais ficaron alí abandonados. As obras continuaron. Por iso digo que a Casa do Concello de Vigo tén uns alicerces de esquerda imborrables.
Pasaron os anos, coma di o tango, cos seus desenganos, mediados os oitenta, Porriño e máis eu, da man de Gonzalo Gómez Rodríguez, nos reencontramos militando xuntos nunha célula comunista do PCPG. Porriño traballa en VITRASA, outros camaradas da mesma empresa, Luís Costas, presidente do comité, Baluja e outros. No ano 1995 estamos na organización dun Memorial por Baena, Sánchez Bravo e outros fusilados no derradeiro consello de guerra do franquismo. Contra a pena de morte. Nos finais dos noventa eu deixo Vigo e máis nunca as nosas vidas volverán cruzarse.
Suso Porriño : Un Veciño, un Amigo, Un Camarada.
XUR O'PONTILLÓN