viernes, 13 de noviembre de 2026

Itinerario en Tres Actos

Voume valer do pontevedrés apelido Caramés trasplantado a Vigo, Madrid, París e Santiago e fareino moi a agallope, de xeito comprimido, a propósito do fin destes apuntes memorialísticos, tal cual é poñer en resalte cenários e cronoloxías cruzadas de tres actores relacionados coa miña biografía política iniciada na adolescencia.

Primeiro Acto

Curso de bacharelato 1973 - 1974, matrícula do Santa Irene nas Travesas, trasladado ao emplazamiento do actual Instituto Alexandre Bóveda. No fragor das loitas alí desenvolvidas, presentado por Carlos Meixide e Juan Diego Riera, topei con Javier Caramés, ningún deles do meu curso. Este encontro iniciático foi a porta de acceso que daría na miña entrada na organización trotsquista Liga Comunista Revolucionaria ( LCR). Ele picaría os clichés dalgúns panfletos na casa da súa irmá Maite, profesora de Língua e Literatura Española no Santa Irene-Coia. A min Maite non me deu clases. Nembargantes coincidín coela nunha asamblea multitudinaria e algo tumultuaria na aula magna do instituto ao inicio de 1975 que desembocou no peche gubernativo do centro. Maite Caramés estaba na onda política do nacionalismo e foi impulsora da UTEGA ( Unión de Traballadores do Ensino Galego). Por ese mesmo tempo coñecín ao pai dos Caramés, mestre de primeiro ensino no grupo escolar de Pereiró, home opositor ao franquismo, amigo do meu tío avó e padriño, profesor de matemáticas no Santa Irene, Rufo Pérez González.

Segundo Acto 

París. Finais de Agosto de 1975 - 28 de Febreiro de 1976. Encontro con José Luís Carames, irmán de Javier e Maite, presentado nunha cea polo meu tío Jorge Pérez, asilado político desde os sesenta. Xa avanzada a noite despedímonos do meu tío e máis dos filólogos norteamericanos Raymon, investigador no CNRS e Ulyses, de paso por París procedente de Estocolmo. Foi nesa ocasión que escoitara quizais por primeira vez falar de gramática xenerativa e dos universais, de Chomsky e Ockam. Cando saímos Luís Caramés e máis eu encamiñamos ao Chez de la Baye, onde fun presentado a Agustín García Calvo, Galín Adolfo, Daniele, compañeira do situacionista Jacques, Terese, Maximino Cacheiro, recén chegado da Universidade Andrés Bello ( Caracas). Con Maximino volvería tratar en Vigo anos despois na compaña do poeta Manuel Vidal Villaverde. Esa noite foi o limiar de moitas relacións posteriores que deixarán pegada ata hoxe. A máis sobranceiras a de Arturo Rosendo Domínguez, presentado por Luís Carames a miña volta da vendima dous meses despois. Esta relación pervive no tempo ata o día de hoxe, 2026. Atopar a Arturo foi un destino. Arturo non só é de Vigo, senón que devolvíame á Rúa de Santiago, nó dun feixe de vivencias perennes na miña psique. Tamén reconectaba dalgún xeito con Javier Caramés e a Rúa metendo grolos no peito e rosmando contra Franco. Desa noite no Chez ficou a permanencia de Galín que xa a volta abríume a porta da acracia compostelá. Así, Boti, Kukas, Pablo Ballesteros e outros.

 Último Acto

Reencontro en Compostela, Madrid e Vigo entre finais do 76 e comezos dos oitenta. Nesas datas as historias van collendo densidade e precipitando pousos duradeiros que chegan ata o actual momento de escribir estas liña pondo cara de can o inverno do 2026 após meio século do 76. Se triangulamos e barallamos, das localizacións dos sitios mentados neses anos van caíndo naipes coas facianas dos poetas Jorge Cuña e Carlos Oroza por Madrid, Pontevedra e Compostela, algún destes relacionados con Luís Caramés, a frecuentación da Bobia na Praza de Cascorro, na parte alta do Rastro madrileño, reencontro con vellos parisinos da Boule, as citas e conversas con L. Caramés no seu piso da Rúa Vinaroz en Madrid, andanzas polo Ateneo e a libraría do Prado, polo Café Comercial e outros. En Compostela, as intervencións de Agustín García Calvo na Fac de Económicas xunto ao profesor Miguel Cancio, co acompañamento de Galín, Arturo Rosendo, Xiao Roel, Botana, Kukas e outros. Tamén na carballeira de Santa Susana contra a construción da autopista do Atlántico, unha navallada para Galicia, contra o "progreso progresado" e "o tempo valeiro",  cita de A. G. C. Visitas tamén a Vigo de Agustín convidado pola CNT con Antonio Palacios e Miguel Cuña ou para falar encol de Rosalía de Castro e a Sombra, facendo de anfitrión Xesús Alonso Montero, no Teatro García Barbón.Tamén en Vigo, paseatas e ceas a beira do mar con Arturo Rosendo e Luís Caramés por Bouzas polos veráns  e algunhas datas de Nadal con ocasión das visitas, viaxes de ida e volta desde Madrid, de L. Caramés a súa irmá Maite e aos seus sobriños, fillos da súa xemelga Mercedes, profesora de Francés.

 Facendo retorno á metade dos setenta e principios dos oitenta entre Compostela e Vigo a grata compaña do economista Carlos Meixide e o doutor Javier Caramés, cos quen tiven xantar no Peregrinus, tamén na compaña do meu médico, amigo e parente, xenro de Rufo Pérez, Manuel González. Evocamos os tempos da Reforma - Transición e outras falas de tempos máis recentes.

 Neste ano que remata foisenos Maite Caramés, o ciclo vaise pechando, o itinerario estréitase en variados relanzos das nosas vidas, en funils ou encrucilladas inesperadas.

 Entretanto ímola virando e ímolo contando. En breve xornada pasa a vida, vita breve, fuxida nun " attimo", máis a historia permanece. Contra a tese do " ser para a morte" somos trascendidos para a historia, lugar de encontro comunal, se ben non todos no mesmo camiño ou no mesmo senso do camiño.

Nota: Agustín García Calvo, Gramático, Poeta, Dramaturgo, Filósofo, moi vencellado a Galicia, mantivo relacións moi estreitas e duradeiras con xentes galegas. Destaco entre elas, ao noso caro amigo o matemático José Luís Caramés. Das  colaboracións entre ámbolos dous citar o  importante libro " De los Números", primeiro editado pola Gaya Ciencia ( Barcelona) e posteriormente na zamorana editorial Lucina. No meu parecer libro difícil de lóxica, matemática e filosofía, en expresión un tanto reduccionista da miña banda, e dos máis importantes publicada no tempo da Transición. Agustín García Calvo como é sabido foi desposuído da  cátedra, ao tempo que Aranguren e Tierno Galván, pola súa implicación nos movementos de contestación estudantil nos anos sesenta, exiliándose en París, establecéndose no Quartier Latin e mantendo durante anos unha afamada tertulia, á que asistimos, na Boule D'Or. Luís Caramés tomaría o camiño do exilio parisino algo máis tarde, mantendo a cercanía e colaboración con Agustín, sendo unha trabe mestra da Boule.