domingo, 28 de septiembre de 2025

Comisión 27 de Setembro

                   Escena Un
Corrían os días do ano 1995 Xurxo Porrit regresaba da Illa de Chinerfe en amazhig ( Tenerife) coa sua compañeira e unha meniña de meses, celebramos o reencontro vun xantar nun día caloroso, canícula estival, na terraza dun piso alto, onda a Rúa Tomás Alonso enfía contra o arborado e Palco da Música da Alameda alcalde Suárez- Llanos da vila mariñeira de Bouzas. Como era habitual nestes recordos da vella militancia poñemos o retrovisor e xurden unhas evocacións moi vívidas daqueles tempos xuvenís, mesmo tempo adolescente. Espigada nos recordos a presenza senlleira dos derradeiros fusilados do fascio, recortadas as figuras de Sánchez - Bravo Solla e Xosé Humberto Baena Alonso, por vigueses e ter compartido algúns intensos momentos da militancia común antifascista, eles no PCE ( M-L) - FRAP, nós na LCR. Reparamos na altura dese 1995 nun aniversario que pareceunos redondo de vinte anos, duas décadas, daqueles feitos tinguidos co carmesí do sangue revolucionario. Xurxo Porrit, home de acción directa, na miña memoria un dos principais animadores dos comandos de autodefensa da Liga, me propón facer unhas pintadas recordando aos compañeiros do FRAP. Eu retrúcolle que me dea algo de tempo para pensar na posibilidade dalgunha programación de actos na nosa cidade de memoria e honra aos antifascistas.
                     Escena dous
Tras estes limiares vai para adiante a creación da Comisión 27 de Setembro. Eu asumo entre outras tarefas a de pecharme durante catro meses no Arquivo Municipal sito nun soto do concello durante catro meses e nese " zulo", non é amplo para traballar, arrecadar información dos diarios do momento, está depositada a colección do xornal El Pueblo Gallego, ben custodiada polos empregados municipais. Puntualmente, decote, Xurxo Porritt recollíame na casa á primeira hora da mañá e levábane e traía do arquivo. Tamén falo co xornalista de Faro de Vigo Fernando Franco, quen brinda a sua amable e desinteresada colaboración para acadar novas de aquel tempo publicadas no periódico decano Faro de Vigo. Mesmo xuntárame con F. Franco e publicara na revista El Pope ( El Portavoz Periodístico) de Víctor de las Heras, un amplo reporter sobre a progración prevista para lembranza e honra de Baena e os seus camaradas e compañeiros.
                       Escena terceira 
Nas xuntanzas da Comisión 27 de Setembro ou na sua contorna participaron activamente Xurxo Porritt, Teresa Mourin, Laura Duran, Victoria Quiben, Manolo Reinoso, Celso López Pazos,  Mari Luz Maset, Antonio Palacios, Xosé Guillermo e a Fundición Nautilus , Arturo Rosendo e Xurxo R. Pérez e ocasionalmente algúns outros. Finalmente coa colaboración da empresa de Asunción Vaamonde e Nardo son montados os paneis no local da FAVEC na Praza da Princesa, onde tamén se celebraron, palestras, debates, un encontro co xornalista de investigación na revista Interviu e outras, escritor ( Sima Jinamar, cun limiar de Agustín García Calvo) ), ex FRAP, a quen coñecera dos tempos parisinos. Tamén na programación de Princesa, un recital de Suso Vaamonde e unha exposición de cadro e escultura cedidas por artísticos plásticos galegos, de menor tempo de exposición cos paneis. Outros lugares de encontro foran a Galería Sargadelos ( recital poético, Ferrín, Bernardino Graña e outros) e un acto de peche no Teatro García Barbón reformado. Posteriormente, publícase unha carpeta, ilustrada na sua capa por Xosé Guillermo. 
                         
 Escena catro 
Neste 2025 após trinta anos da constitución 27 de Setembro e medio século tralos asasinatos, cimeterio de Pereiro. Celso López Pazos, gran animador do acto, grande asistencia, reaparición do PCE ( M- L), cunha vibrante e diáfana intervención do seu dirixente, Flor Baena, representante de Amnistía Internacional, Laura Quintillán coa sua mestría co violín. Revertida a situación, os que foran alcumados terroristas, agora restaurados, rehabilitados, como asasinados. Un aula da Fac. de filosofía, da que tamén eu fun alumno, levará o nome de Xosé Humberto Baena Alonso, recordando o seu paso nesta facultade.
Escena quinta 
Pola tarde, novo acto organizado pola Asoc. Memoria, Verdade e Xustiza coas intervencións de Telmo Varela, Suso Chaves e a colaboración musical de Santi Veloso. Neste acto recordáronse os derradeiros asasinados galegos polo franquismo : Moncho Reboiras, Baena e Sánchez Bravo. Da miña banda, emotivo reencontro coa saudosa Laura Duran, militante de primeira hora da LCR na clandestinidade, coa miña curmá Rita Pérez e o seu home Enrique Parcero, omnipresntes nos actos militantes na cidade de Vigo e Manuel Garrido.

 Remato lembrando aos ausentes presentes de tantos anos nos 27 : Xesús Vaamonde Campos e a sua dona Araceli Polo Cespón. 
Manolo Nandín, militante do PCE M-L). 
Michel, traballador de Citroën, a quen supoño antre os vivos. 
Aos militantes do R, que perante anos mantiveron a chama. 
E a Tríada Xenerosa de Celso Pazos, Mari Luz Masset e Manolo Reinoso, xa nomeados. 
Agradecimientos persoais para os irmáns, Emilio e Manuel Mouriño da Pastora.