Por estas datas de Nadal noutros tempos asolagábase de cánticos a atmósfera mesta de fumes e cheiros das tabernas, mentres dos bocois abillábanse caldos maiormente do Avía, orixe frecuente dos taberneiros afincados na nosa urbe viguesa. O viño tamén cantareiro nas xerras, cuncas ou palomitas de porcelana branca.
Pola rua de Santiago ou no Berbes e aledaños os mariñeiros entoaban con moi bo xeito rumbas, habaneras, coa cadencia das ondas do mar, e outros cantes dos chamados de ida e volta, dos mares caribes ou tangos e milongas rioplatenses. Algúns con letras adaptadas ó loubor da beleza da nosa ría, da cidade ou das Illas, o misterioso e sacral araquipélago das Cíes e os seus fantasmagóricos náufragos e moradores feitos de tupida neboa.
Amoríos e despedidas, La bella Lola,"me dió un abrazo y en aquel lazo creí morir", " En un rancho de cuatreras, chinita yo te conocí " , unha rumba moi animada, ou o canto aos paxariños da Alameda, que durmen ao sol...e para botar un chispun non fai falta claridá...
Entrándolle ó libro de Salvador Beloso Arenosa " Vigo sus tabernas actuales" toparemos o ecoar deses sons e letras memorables nun percorrido por dezasete tabernas depositarias daqueles tempos que evocamos. É un libro non só vivencial e polo tanto emocional, no que dalgún xeito faise pequeno inventario de viños e variedades de uvas e do taperío e cociña coa que maridan senon que hai un explícito desexo de recoñecimento às estirpes e linaxes daqueles que optaron por Vigo para se asentar e desenvolver o seu negocio, moitos deles do Ribeiro d'Avia, coma di a cantiga.
Negocios que pricipiaban como tenda bar en moitos casos para evoluir a baiuca ou taberna case sempre fornecidos polos productos da propia horta e da matanza da casa cando era ocasión, como sabemos ben os vigueses, nunha mestura simbiótica campo cidade.
Hai no libro unha descripción casi topográfica e fotográfica, trazada coas letras, das tabernas comprendidas neste volume. Destaco un anexo co refraneiro do viño, e outros ás cantigas e os furanchos. O estilo da escrita ou escritura de Salvador Beloso é sinxelo e directo, comprensible, libre de afectación ou pedantería académica, moi de agradecer. Ten unha tersura suave.
Se como se lle atribue a Ortega y Gasset a claridade é a cortesía do filósofo, na materia que nos ocupa moito máis. Temos nas mans unha obra conseguida. O libro está anbondosamente ilustrado con imaxes do exterior e interior dos locais reseñados, leva un limiar de Xose Luis Méndez Ferrín e sae publicado pola editora viguesa Agoeiro, nome tamen, según parez, dun illote das Cíes onde se crían moi bos percebes. Parabéns a Salvador Beloso por este novo traballo e Bo Natal dous mil vientetrés, lectores amigas e amigos.