O Concello de Teis constituíuse o sete de Xaneiro de 1936 nunha andaina burocrática que encetara o 18 de Maio de 1935 coa solicitude de segregación do Concello de Lavadores. Nembargantes non era a primeira vegada que optara por constituirese en concello independente.
No século dezanove acadara tal condición nas dúas xeiras liberais de 1812 a 1814 e de 1820 a 1823. De volta ó século vinte o traxecto de Teis, concello indepedente, foi curto, un tanto efémero, de Xaneiro de 1936 ata Febreiro de 1937. O primeiro alcalde foi D. Manuel Martínez Ramos a quen sucedeu no cargo D. Julio Quirós Estévez.
Destes dous mandatos son reseñables: 1. A redacción do proxecto e presuposto para construire un embarcadoiro na praia de Arealonga. 2. A xestión pra compra de terreos destinados á construción duns grupos escolares. 3. A solicitude de subvención para a construción do Mercado, entre outras iniciativas.
Para rematar estas liñas unha breve reseña de Faro de Vigo, publicada en data 9 de Xaneiro de 1936, coa seguinte cabeceira destacada en negrita : " El Nuevo Municipio de Teis se ha constituído anteayer". Tamén o diario vigués El Pueblo Gallego, de Portela Valladares, en data de 17 de Febreiro dese ano 1936 publicaba: " Teis. Sesión de la Corporación Municipal".
Cumpre gardar memoria destes fitos, pois con estes vimbios teceuse a urdime, tamén concellos que foron de Bouzas e Lavadores, do Vigo actual.
Na lembranza de Antón de Meder, íntimamente vencellado a Teis, e de Maruxa Cal, amiga e camarada común de Alfonso Martínez, Carlos Meixide, miña e de tantos outros pola década dos setenta do século pasado. XUR O'PONTILLÓN.